Baiona mellorará a mobilidade e seguridade viaria na Rúa Real de Sabarís a través do Plan DepoRemse

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do vicepresidente provincial, César Mosquera, presentou esta mañá os proxectos que se van beneficiar do Plan bianual 2018/2019 de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais, DepoRemse. “Estamos ante un novo impulso de 11 millóns de euros que imos destinar aos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e que vai permitir reformular as vías municipais de todas as comarcas para que sexan máis seguras e accesibles”, subliñou a presidenta provincial.

Carmela Silva asegurou que “hoxe damos conta da resolución dos proxectos que se van beneficiar do DepoRemse e síntome moi satisfeita porque estamos ante unha resolución que ten que ver coas decisións tomadas por persoal técnico da institución provincial atendendo a unhas bases claras e obxectivas, algo que non é habitual noutras administracións”. Neste contexto, a presidenta informou que se presentaron 48 proxectos e que finalmente foron 31 os que se van aprobar, ao dar cumprimento a todos os requisitos marcados nas bases da convocatoria do plan publicadas no Boletín Oficial da Provincia o 13 de abril. “E quero destacar que se aprobaron proxectos en concellos de todas as cores políticas, xa que dez están gobernados polo PP, 9 polo PSdeG, 7 polo BNG e 5 por Mareas e/ou Independentes, o que manifesta a máxima transparencia deste goberno que reparte os recursos atendendo sempre a criterios obxectivos”, aclarou Silva.

A presidenta da Deputación recordou que o Plan DepoRemse xorde como un novo instrumento de cooperación centrado no desenvolvemento dunha mobilidade sustentábel que dea prioridade á seguranza e á mobilidade peonil nas infraestruturas viarias. A través deste plan, que segue a política de mobilidade da Deputación de Pontevedra, vanse impulsar proxectos para remodelar rúas e vías municipais a fin de facilitar a comunicación entre os espazos de emprego e de uso social, sanitario ou educativo así como para mellorar aqueles trazados que soportan unha alta densidade de tráfico.

Así, o Plan DepoRemse conta con dúas liñas a través das cales se distribúen as subvención entre actuacións para a instalación de pasos sobreelevados e redutores físicos de velocidade (liña 1) e para mellorar a mobilidade e seguranza viaria nas vías e espazos públicos municipais dentro do ámbito ou na contorna de puntos de gran atracción (liña 2).

O goberno de Carmela Silva ten xa comprometido para este ano 7 millóns de euros e outros catro para o 2019 no marco do Plan DepoRemse, que ascende aos 11 millóns de euros. Con esta nova liña de subvencións, tal e como destacou Silva, “nunca en toda a historia da Deputación os concellos da provincia foron tan protagonistas na recepción de recursos da institución provincial”. Neste eido, a presidenta provincial fixo fincapé en que en tres anos de goberno destináronse xa “máis de 300 millóns de euros directamente aos concellos, dos cales 153,2 correspóndense co Plan Concellos, 4 millóns de euros cos préstamos sen xuros, 15 millóns co Plan de Reequilibrio, 11 millóns de euros co Plan DepoRemse, 1,2 millóns de euros do PICEI, 2 millóns de euros a través de solucións tecnolóxicas para os concellos, 5,4 millóns a través do SAIM e outros 25 millóns do ORAL. Todo isto sen contar coas políticas sociais, culturais, coas actuacións en materia de mobilidade, co Plan Revitaliza, etc”.

Na comarca de Vigo vanse desenvolver un total de catro proxectos nos que a Deputación de Pontevedra vai investir máis de 1,6 millóns de euros. Neste caso, en O Porriño vaise mellorar a mobilidade e seguridade viaria na rúa Doantes de Sangue e o seu entorno que ascende a 499.815,87 euros dos cales a Deputación achega 424.843 e o concello 74.972; a actuación a desenvolver en Fornelos consiste na remodelación e dotación da praza da Igrexa e rúa das Escolas, cun orzamento de 499.987,79 euros dos que 449.989 apórtaos a Deputación e 49.998 o concello; en Salceda de Caselas vaise actuar para urbanizar o antigo campo da feira da Devesa, cun investimento de 521.070,99 euros dos cales 468.963 achégaos a Deputación e 52.107 o concello; e en Baiona o proxecto a realizar permitirá mellorar a mobilidade e seguridade viaria na Rúa Real Sabarís por valor de 341.319,18 euros dos que a Deputación aporta 290.121 e 51.197 o concello.

Todos os proxectos aprobados, tal e como informou a presidenta da institución provincial, correspóndense con obras completas que melloran a calidade de vida da veciñanza, dan cumprimento á normativa vixente sobre seguridade viaria, foron aprobados polo órgano competente do concello e contan con terreos de titularidade municipal. Amais, para a valoración de todos eles, tamén se tiveron en conta criterios como a poboación, a extensión da rede viaria municipal, a densidade de poboación e a calidade e madurez dos proxectos.

Pola súa parte, o Vicepresidente da Deputación, César Mosquera cualificou os resultados do Plan Deporemse de “espectaculares” e expresou a súa satisfacción ante esta iniciativa “que era todo un reto porque estamos abrindo novos camiños e agora podemos dicir que este plan marca un antes e un despois, polo que estou francamente satisfeito”. Mosquera sinalou que “é a primeira vez que a Deputación financia preferentemente proxectos que estean ben traballados, ben pensados ben estruturados… polo que teño que agradecer aos concellos que se preocuparan de facer bos proxectos que mellorarán a vida dos seus veciños. En xeral, dixo, a calidade dos proxectos é brillante. Fai uns anos resultaría imposible que chegasen proxectos así que puidéramos aprobar”. O Vicepresidente coincidiu coa presidenta en que “nunca a Deputación de Pontevedra transferiu tantos cartos aos concellos da provincia como o estamos a facer desde a nosa chegada ao Goberno.”