Portos de Galicia instala un novo sistema de control de acceso aos pantaláns de náutica recreativa de Baiona

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // A lei de portos estipula que está prohibida a práctica deportiva dentro das instalacións.

Portos de Galicia vén de rematar a instalación do novo sistema de control de accesos aos pantaláns de náutica de recreo do porto de Baiona. O sistema permitirá a entrada e saída ás instalacións só ás persoas que teñan praza para a súa embarcación neses pantaláns, reforzando así a seguridade da frota.

O novo control de accesos moderniza o seu funcionamento, operando a través de tarxeta magnética de apertura das portas ou ben a través da aplicación para teléfono móbil. A app Openow está xa dispoñible para a súa descarga por parte dos usuarios, que poden tamén pasar a recoller as tarxetas magnéticas polas oficinas de Portos de Galicia.

As persoas interesadas poden solicitar información sobre a instalación da App na cartelería do propio porto ou nas oficinas do ente público en Baiona, situadas no edificio da lonxa. Coa entrada en funcionamento deste sistema, que se activará nos vindeiros días para dar marxe aos usuarios a recoller as tarxetas ou activar a aplicación móbil, Portos de Galicia dá resposta á demanda dos propietarios das prazas de náutica de recreo que reclamaban a restrición do paso ás instalacións.