Derradeiros días para presentarse ao concurso de carteis Nigranjazz-Quin Alborés

Recta final para presentar propostas para o concurso de carteis Quin Alborés-Nigranjazz do Concello de Nigrán, cuxo prazo remata o martes 30 de abril, Día Internacional do Jazz. Nesta edición o Concello aumentou a 700 euros o premio ao cartaz gañador para festexar así a maioría de idade do festival (desde a súa orixe o premio foi sempre 500 €). O certame ten como obxectivo difundir a imaxe do Nigranjazz 2024 na súa XVIII edición. O certame rende homenaxe desde o ano 2010 ao falecido artista nigranés Quin Alborés, gran amante do xénero e quen impulsou o evento desde o seu comezo deseñando os tres primeiros carteis. As bases completas poden consultarse na web do Concello http://www.nigran.es ou na propia Casa Consistorial.

Como en cada edición, o concurso está aberto a persoas físicas maiores de 18 anos, podendo presentar cada unha delas (individualmente) un máximo de dúas obras, coa condición indispensable de ser inéditas e cunha estética relativa ao mundo do jazz. Os orixinais realizaranse en formato vertical, en tamaño A2 (594 x 420 mm.) e deben ser anónimos de acordo co previsto nas propias bases, podendo enviarse as propostas por correo electrónico, por Rexistro ou Correos, seguindo as indicacións facilitadas na convocatoria.