Baiona saca a licitación cinco chiringuitos de praia e un posto de Kaiaks

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Medio Ambiente, vai sacar a concesión para a explotación por terceiros de determinadas instalacións temporais que se situarán nas praias de Baiona para as tempadas 2024 e 2025, con posibles prórrogas que se autoricen para 2026 e 2027, sempre condicionada ao cumprimento das indicacións sinaladas na autorización do Servizo Provincial de Costas en Pontevedra, dependente actualmente do Ministerio de Transición Ecolóxica.

En total, o Concello oferta 5 lotes de instalacións temporais de praias que comprenden quioscos (chiringuitos), así como 1 lote de Kaiaks durante os meses de xullo, agosto e setembro. Unha das grandes novidades deste ano, é que o consistorio autorizou a instalación dun chiringuito na Praia de Os Frades nun dos lotes. Os outros catro serán, como vén sendo habitual, nas praias da Concheira, A Ribeira, A Ladeira e Santa Marta. O horario de funcionamento será de carácter xeral de 9:00 a 22:00 horas.

O canon mínimo bienal para a explotación dos servizos de tempada en praias do municipio, ocupando dominio público marítimo-terrestre con instalacións desmontables, estableceuse nun total de 12.216,16 euros para os 5 lotes de Os Frades, A Concheira, A Ribeira, A Ladeira e Santa Marta. En canto ao lote dos Kaiaks, situado preto do cámping na Ladeira, sairá por 640 euros.

O prazo de admisión de proposicións terminará en 30 días hábiles a partir do día seguinte da publicación, hoxe 26 de abril, no BOP de Pontevedra, polo que a partir do luns 29 de abril xa se poderán presentar ofertas no Concello de Baiona.