Alumnado do CPI Cova Terreña descobre algúns dos motores económicos de Baiona

O alumnado de Economía e Emprendemento do CPI de Cova Terreña asistiu a unha visita guiada polo interior da lonxa de Baiona. Alí foron recibidos por José M. Sotelo, un dos responsables do depósito, Joaquín López, concelleiro de Pesca, e Nuria Leyenda, concelleira de Educación.

Durante a visita explicouse a importancia da pesca extractiva da vila de Baiona, tanto para a Praza de Abastos da localidade como para os supermercados e peixarías, onde se vende un produto de excelente calidade e que xera un volume de negocios superior aos 3 millóns de euros. Ademais, o alumnado tamén puido observar algunhas das especies capturadas ao longo desa xornada, que ían ser postas á venda a particulares e/o empresas.

A continuación, o alumnado e profesorado, acompañados polos responsables políticos do Concello de Baiona, acudiron á Praza de Abastos para atender ás explicacións sobre como saen a concurso os diversos postos de venda, así como as condicións que deben reunir os interesados en vender os seus produtos dentro deste espazo público. O alumnado, desta maneira, puido comprobar que se trata dun espazo amplamente atractivo para o desenvolvemento da actividade económica.

O Concello de Baiona aplaude e apoia iniciativas como a visita do alumnado de Economía e Emprendemento do CPI de Cova Terreña á lonxa e a Praza de Abastos da vila. “Estas experiencias educativas non só enriquecen o coñecemento dos nosos mozos sobre os motores económicos locais, senón que tamén fomentan o vínculo entre a comunidade escolar e os sectores produtivos do noso municipio”, sinalan desde o goberno local.