Baiona coroa aos novos campións galegos de A Dous

Baiona coroou este sábado aos novos campións galegos de A Dous tras a celebración dunha nova edición do Trofeo MRW, no que se puxeron en xogo non só os títulos autonómicos absoluto, mixto e feminino de navegación en tripulacións reducidas; senón tamén os galardóns do VIII Memorial Rafael Olmedo.

Os premios masculinos das dúas clases en disputa (ORC e J80) foron a parar a mans das parellas formadas por Rui Ramada e Óscar Peixoto (ORC) e Nano Yáñez e Manuel Fernández (J80), ambos os dous do Monte Real Club de Yates. Foron os mellores da competición e son, desde hoxe, os novos campións galegos de A Dous, tal e como rezan as placas que lles entregou a Real Federación Galega de Vela.

Nesta edición do Campionato Galego, ademais dos premios masculinos, volveron entregar distincións, tal e como se fixo na anterior edición por primeira vez na historia da competición, ás mellores tripulacións femininas e mixtas.

A creación destas categorías especiais dependía do número de inscritos en cada unha delas e logrou formarse categoría feminina en J80, sendo as vencedoras Marta Ramada e Ana Sardiña, do Monte Real; e mixta en ORC, onde resultou gañadora a parella formada por Brenda Maure e Jacobo Vecino, do Real Club Náutico de Vigo.

O desenvolvemento da proba foi unha nortada en toda regra. O vento do norte soprou establecido e con intensidade desde a saída, que se deu puntual ás once da mañá; ata o punto de virada no faro de Camouco, en Ons; e mantívose igual, tanto en dirección como en intensidade (13-15 nós con picos de 19) ata a liña de chegada, que o comité de regata colocou no interior da baía de Baiona.

Foron en total 35,3 millas de percorrido que o veleiro máis grande da frota, o Yess (un Hanse 630 E), de Rui Ramada e Óscar Peixoto, completou “voando”. Tardou apenas dúas horas e media en virar o Camouco e pouco máis de catro horas e media en finalizar a proba.

Entre o resto de tripulacións, destacaron especialmente as do Deep Blue, o Salaño Dos, o Orión, o Fend la Bise e La María. Este grupo de cinco barcos, do Real Club Náutico de Vigo, o Monte Real Club de Yates e o Club Náutico de Cabanas, todos con grandes navegantes a bordo, mantivéronse sempre á cabeza da frota sen chegar a perderse de vista uns aos outros.

O Yess (MRCYB) finalizou vencedor do Trofeo MRW na clase ORC, deixando a segunda e terceira posición ao Salaño Dos de Jacobo Vecino e Brenda Maure (RCN Vigo) e ao Orión de Javier Pérez e Esteban Gañete (MRCYB).

Na clase ORC OPEN subíronse ao podio o Secolite de Javier Rey e Jorge Justo (MRCYB), o Bouvento de David Fontán e Alex Luca de Tena (MRCYB) e o Tutatis de Roy Alonso e Alechu Retolaza (MRCYB).

Estes dous últimos barcos concentraron toda a atención da frota de Fígaros polo intenso man a man que mantiveron durante toda a proba; e polo feito de que neles competían directivos do Monte Real (o vicepresidente e o director deportivo no Tutatis) e adestradores do club. Finalmente foron os adestradores os que se laurearon, tras gañar distancia nas últimas millas e completar un gran final de regata.

Na competición en tempo real dos J80, a sorpresa da xornada deuna o SND Cormorán de Francisco Javier Martínez e Alfonso Otero, virando o primeiro no Camouco; aínda que finalmente acabou a proba en segunda posición por detrás do Cansino de Nano Yáñez e Manuel Fernández, un dos máis solventes en toda a proba. Tras o ouro e a prata dos dous barcos do Monte Real, o bronce dos monotipos levoullo o ¡Ay Carmela! do Liceo Marítimo de Bouzas, tripulado por Juan Martínez Pazó e José Ignacio Correa.

No marco do Trofeo MRW, ademais dos premios do Trofeo e as placas aos novos Campións Galegos de A Dous, entregáronse os premios do VIII Memorial Rafael Olmedo aos gañadores xerais das dúas clases en liza: o Yess (ORC) e o Cansino (J80). Recibíronos de mans de Rodrigo Olmedo, fillo do que fora presidente do Monte Real durante máis de 40 anos e ao que desde hai 8 anos dedícaselle esta competición.

Na cerimonia de entrega de premios, que discorreu con moi bo ambiente nos xardíns do Monte Real participaron o presidente do club organizador, José Luis Álvarez; o director executivo de MRW e patrocinador da competición, Santos Almeida; o tenente de alcalde de Baiona, Óscar Martínez; o deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez; e o presidente do comité de Vela Lixeira e directivo da Real Federación Galega de Vela, Ignacio Campos.