Nigrán pospón para o próximo pleno a aprobación inicial da modificación das Normas Subsidiarias

ALBERTO RODRÍGUEZ // Pleno de Nigrán.

Todos os grupos da corporación de Nigrán acordaron pospor a proposta de aprobación inicial da modificación número 25 das normas subsidiarias de planeamento ao pleno de marzo para poder incorporar ao expediente un recente informe favorable do secretario e que, deste xeito, o procedemento de tramitación sexa totalmente rigoroso. Así, a vindeira semana o goberno volverá a convocar unha nova Comisión de Urbanismo para que todos os grupos poidan analizar o documento antes de regresar a Pleno de novo.

O edil de Urbanismo, Diego García, insistiu no pleno en que esta modificación é unha proposta exclusivamente técnica para adaptar ás NNSS á actual Lei do Solo, conta con todos os informes sectoriais favorables e permitiría rebaixar as restricións aos veciños en aspectos como ampliacións ata un 50% en núcleos rurais, reducir os retranqueos ou relaxar as condicións estéticas. A realidade é que no substantivo, o corpo das NNSS mantívose vixente en Nigrán ao longo de case 30 anos e, polo tanto, ao marxe da constante evolución do marco normativo, identificando os técnicos municipais disfuncións que dificultan obxectivos como a rexeneración e renovación urbana ou rehabilitación e eficiencia enerxética.

«Non se pretende introducir cambios no modelo urbanístico das NNSS, esa tarefa lle corresponde ao PXOM, tampouco se pretende variar a cualificación do solo ou aumentar a intensidade edificatoria. Só se trata de pequenas correccións puntuais nas NNSS para solucionar contradicións coa normativa autonómica e estatal en vigor e resolver así deficiencias detectadas durante este tempo na oficina municipal de Urbanismo», resumiu o alcalde, Juan González.