100 millas “non stop” entre A Guarda e Santiago pola Síndrome de Usher e SOS-Tomiño

O gondomareño Daniel Fernández Cerzón proponse un novo reto: completar 100 millas do Camiño Portugués pola Costa, ou o que é o mesmo, percorrer os 161 quilómetros que separan A Guarda de Santiago de Compostela nunha soa etapa “non stop”, cunha dobre intención, visibilizar a Síndrome de Usher, unha enfermidade rara que padecen centos de persoas no mundo, e recadar alimentos que irán destinados a SOS Tomiño-Baixo Miño, que axuda a centos de familias do Baixo Miño que padecen unha situación difícil, e cos que xa colaborou o pasado ano noutro reto no que recadaron 100 quilos de alimentos.

“Durante estes dous últimos anos entre traballo e a pandemia deixei un pouco apartado (que non esquecido) os retos. Agora volvo con máis ganas que nunca e por iso enfrontareime ao máis difícil ata a data. 161 quilómetros, 3000 m+ desnivel e en autosuficiencia cargando o meu propio avituallamento. Certo é que esta distancia logreina hai 10 meses nunha carreira virtual pero nesa ocasión era nun circuíto de 4 quilómetros plano e co avituallamento a cada volta no meu coche, pero nesta ocasión será todo o contrario”, comenta o mozo deportista.

O reto comezará o xoves 29 de xullo ás 19:00 horas, con saída entre a praia de Fedorento e Area Grande na Guarda, xusto á beira do poste do camiño que marca 161 quilómetros. “Elixín está hora para facer a primeira parte do camiño de noite xa que é a que máis coñezo e menos sombra ten, así non sufrirei tanto os 25° C que anuncian”. O percorrido pasará entre outros pola Guarda, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo, Redondela, Pontevedra, Caldas de Reis, Padrón, O Milladoiro e Santiago de Compostela. “Será unha ocasión especial para divulgar este camiño en ano Xacobeo, para min é moi especial cada vez que fago un reto por el e nesta ocasión non será menos”.

“A principal motivación que teño é seguir visibilizando a Síndrome de Usher, que segue máis presente que nunca e non nos debemos esquecer destes e estas heroínas e heroes, que a súa loita sexa a nosa loita. Doutra banda tamén quero colaborar co banco de alimentos con este reto e tentar recadar alimentos ou diñeiro destinado para eles e para as miles de familias que atenden día a día e máis durante a pandemia”, destaca Daniel.

Na web de SOS-Tomiño-Baixo Miño pódense ver as diferentes formas de colaborar. Os interesados en doar alimentos da zona Baixo Miño-Val Miñor ou Vigo poden poñerse en contacto con Daniel no seu instagram, facebook ou no teléfono 638 377 479, e el mesmo encargarase de recollelos e facerllos chegar á súa sede en Tomiño.

Doazóns:

laCaixa: ES31 2100 4713 11 0200049818
Abanca: ES90 2080 5064 84 3040013927