O BNG critica a dobre vara de medir do PP: “da esixencia urxente de reparar o talaso natural a descartar o seu arranxo”

No verán do ano 2019 a forza do noso mar, como era máis que previsible nalgún momento, deixou inoperativo o talaso gratuíto denominado Poseidón e situado na antiga cetaria de Monte Boi. A mala situación das infraestruturas fixo que os problemas causados polo temporal marítimo fosen graves e que a súa reparación se elevase até 50.000 €.

Así, pasados apenas 30 días, en setembro de 2019, o PP de Baiona publicaba unha nota de prensa na que dicía: “levamos un mes sen que funcionen ningún dos catro chorros existentes, o que dá a entender o pouco interese ou o total deixamento municipal”. Ao tempo que denunciaban “unha vez máis a pouca sensibilidade co patrimonio, o deixamento e a falta de resolución dos problemas”. “E como sempre daban unha solución sinxela e irracional como para deixar claro que eran os máis listos da clase”, lembran desde o BNG, así aseguraban “os veciños de Baiona non entenden que se atrase tanto o seu funcionamento. Independentemente de que se danaron os pulsadores, estes pódense repoñer e volver restablecer o funcionamento tan sinxelo como adecuar de modo provisional o sistema en modo fixo e continuo”.

“Agora levan máis de dez meses gobernando e este vai ser o seu segundo verán sen talaso pero xa desapareceu a urxencia por reparalo. Tampouco aparecen as solucións sinxelas e os cualificativos de pouca sensibilidade co patrimonio, deixamento e a falta de resolución dos problemas convértense en boa xestión. O Faro de Vigo publicou que o Sr. Alcalde di que descartan o arranxo do talaso porque hai outras prioridades. Exactamente a mesma decisión que o tripartito pero o actual goberno do PP de Baiona sen unha pandemia de por medio, con custes enerxéticos un 30% inferiores e co maior orzamento da historia do concello”, engaden os nacionalistas.

Para o BNG esta permanente dobre vara de medir deixa ás claras “o tipo de políticas e de oposición que leva a cabo o Partido Popular de Baiona do cal, segundo o propio Partido Popular de Baiona, podemos dicir que amosa: unha vez máis a pouca sensibilidade co patrimonio, o deixamento e a falta de resolución dos problemas”.