Anuncios
Ticker de novas

Caballero deixa sen efecto a área e o transporte metropolitano e propón acordos bilaterais aos concellos

FOTO: CONCELLO DE VIGO

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, expuxo esta mañá que a Xunta de Galicia imposibilita o cumprimento do convenio do transporte metropolitano asinado co Concello; denunciou que, pola contra, propón o “incumprimento” deste e a “obriga” de que Vigo subvencione todas as viaxes de todos os cidadáns no autobús urbano sen que a Xunta de Galicia pague nada.

Así, Caballero informou que queda sen efecto o nomeado convenio pola imposibilidade de aplicalo ante o “bloqueo” da Xunta de Galicia, e anunciou contactos cos alcaldes e alcaldesas que toman parte no goberno da Área Metropolitana de Vigo para establecer acordos bilaterais nos que a cidadanía destes municipios teñan as mesmas vantaxes incluídas no convenio.

O alcalde da cidade, quen xa mantivo conversas con boa parte dos seus homólogos na área viguesa, asegurou que, cos acordos bilaterais propostos, o Concello mantén o seu compromiso de subvencionar o billete do autobús urbano de Vigo dos cidadáns cando entren ou saian de Vigo nun transporte interurbano. “Non imos castigar aos cidadáns pola negativa da Xunta a aplicar o transporte metropolitano”, concluíu Abel Caballero.

Área Metropolitana de Vigo

Na mesma rolda de prensa, Abel Caballero avanzou que vai propor ao resto de alcaldes e alcaldesas que participan no goberno da Área Metropolitana de Vigo non volver a reunirse como goberno metropolitano. O rexedor vigués argumenta que a Xunta de Galicia “inviabiliza” o seu funcionamento e a toma de decisións, a través dos recursos xudiciais interpostos contra o novo ente, pola decisión autonómica de non inscribila no Rexistro nin de nomear secretario nin interventor.

Anuncios