Continúan as xeiras do IEM cun percorrido por Morgadáns

FOTO: IEM

O Instituto de Estudos Miñoráns organiza este mércores 2 de agosto unha nova xeira polo concello de Gondomar na parroquia de Morgadáns, titulada «A propósito da etnografía», dentro do programa das xeiras de verán 2017, e guiada polo especialista Antonio Soliño Toncoso. A xeira ten como punto de encontro o local do IEM (Aula de Cultura Ponte de Rosas, Avda. da Feira, 10, baixo, Gondomar) ás 18:00 horas.

Se damos crédito ás investigacións de Ávila y La Cueva e outros autores pode dicirse que Morgadáns no medievo foi cabeza de morgado. Varios documentos do século XII identifican indistintamente coa parroquia as advocacións de Santa María, San Miguel e Santiago o cal leva a pensar que esta puido ser un señorío na alta idade media que englobaría as limítrofes de Peitieiros e Chaín. De feito, na última, no Coto do Abade, localizáronse vestixios dunha torre medieval mencionada en documentos do XII e XIII como Castelo de Morgadáns, de xurisdición real. En consecuencia, o topónimo da parroquia puidese estar vinculado aos acontecementos referidos.

A mediados do século XVI, en 1553, esta parroquia é herdada por D. García Sarmiento de Soutomaior, segundo da casa de Salvaterra e Sobroso, capitán xeral, e á fin pai de Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar. En 1579 don García funda na cidade de Toro un morgado encabezado pola casa principal e terras de Gondomar no cal algúns autores inclúen a Morgadáns. O certo é que durante o antigo réxime Morgadáns no político e gobernamental dependerá do Procurador Xeral do Partido de Val de Miñor e no xurídico e contencioso do Xuíz de Baiona, onde o Correxedor representaba o rei. En todo caso, o I Conde de Gondomar no testamento deixa noticia do que entende como inxerencias da real vila no referente á xurisdición da parroquia por se algún descendente quere continuar o preito que el non puido rematar. Coa chegada do réxime liberal, Morgadáns, que se constituíra en concello durante o Trienio Liberal, pasa a integrar o Concello constitucional de Gondomar en 1836, confirmado por R.O. de febreiro de 1837.

A xeira fará un percorrido parcial pola parroquia intentando identificar o rico e maltratado patrimonio etnolóxico que posúe. Ao longo do paseo os asistentes verán o barrio de San Roque, con tipolóxicas casas de patín e corredor, capela, cruceiro, peto de ánimas, fonte,…; a contorna da antiga e pétrea ponte de Baralla sobre o río Morgadáns; o cemiterio indiano parroquial; o antigo barrio da Pedra, coroado pola parroquial, no que converxen todos os camiños estruturantes da parroquia e onde se atoparán con lendas, restos medievais, escultura barroca e importantes exemplos de arquitectura vernácula; por último, o barrio do Lago cunha casa brasonada do XVII, exemplos de como non debe ser tratada a etnografía e o patrimonio en xeral, importantes camiños «tumbales» de pronunciada pendente e notables vistas panorámicas sobre o Val de Miñor.