Os J80 abren os marcadores da “Repsol”

A frota de J80 do Monte Real Club de Yates inaugurou este venres os marcadores do Trofeo Repsol – 46ª Regata de Primavera, con dúas probas que se disputaron na baía de Baiona nunha tarde moi revolta cunha meteoroloxía complicada, que deixou chuvascos intensos e moitos roles de vento. Cunha media de 14 nós e refachos que roldaron os 20, a frota navegou moi dispar nos bastóns que o comité de regata, con Jano Martín á fronte, preparou para a vintena de veleiros participantes, que foron controlados por Juanjo Durán con xuízo directo na auga.

O Waikiki de Andrés Gómez foi o que mellores resultados obtivo. Asinou un terceiro e un segundo, e con eses parciais logrou situarse na cabeza da clasificación. A bordo da embarcación Santiago Gómez, Víctor Gómez e Alberto González. As dúas probas disputadas, coas que se abriron marcadores, foron dous percorridos do tipo barlovento sotavento, con dobre volta entre boias situadas a case unha milla de distancia.

A prata provisional adxudicoulla o Alboroto de Javier Aguado, tripulado por Javier Lago, Amador Riveiro e Chuchi Lastra. O equipo fixo un primeiro na primeira proba pero na segunda picou cun quinto que lle fixo caer ao segundo caixón do podio provisional. En terceira posición, empatado a puntos co Alboroto, aparece o Grupo Puma liderado por Javier Martínez Valente, e con Pablo Franco, Miguel Barros e Laureano Wizner a bordo. Ten seis puntos tras o segundo e o cuarto postos conseguidos nas probas. Completan o Top 5 de mellores clasificados o Solventis Ribadeo de Alberto Moro, con Malalo Bermúdez de Castro á cana; e o Namasté de Luis de Mira.

Ao finalizar na auga, as tripulacións reuníronse nas instalacións do Monte Real Club de Yates para compartir un petisco ofrecido pola organización. Os bastóns deste venres foron o aperitivo das dúas grandes costeiras que se disputarán esta fin de semana. Mañá sábado ao mediodía a frota ao completo navegará case 20 millas ata Sanxenxo. E o domingo realizarán o percorrido inverso, de Sanxenxo a Baiona, en ambos os dous casos pasando por La Negra e Carallones, e respectando Morrazán na navegación ao porto lilaíno.