Nigrán abre o prazo de solicitude das axudas da liña complementaria do primeiro plan de rescate

O Concello de Nigrán abre desde hoxe e ata o 30 de abril o prazo de solicitude de axudas para que todos aqueles hostaleiros empadroados no municipio e con negocio noutra localidade poidan optar ao primeiro plan de rescate municipal, así como os non empadroados aquí pero con establecemento en Nigrán ou os taxistas empadroados con licenza expedida no Concello independentemente do domicilio fiscal. Esta nova convocatoria foi aprobada no pasado pleno polo goberno local co obxectivo de complementar a primeira liña de axudas municipais por importe de 120.000 €, xa que que non contemplaba estes casos (as subvencións directas oscilan entre 1.115 € e 1.080 € aos autónomos do sector hostaleiro e 70 € os taxistas).

“Unha vez aprobadas as bases, démonos conta de que había estes casos puntuais que non queremos que queden fora porque sería inxusto, o obxectivo é que poidan seguir abertos unha vez a situación pase para que sigan xerando riqueza no pobo”, explica o alcalde, Juan González, en referencia a esta primeira liña de axudas.

Paralelamente, o goberno local levará ao Pleno ordinario do 26 de abril un segundo plan de rescate tamén por importe de 120.000 € con cargo ao Remanente e que abrangue novamente ao sector hostaleiro e ao do taxi, este último con axudas que se incrementan dos 70 € aos 400 €. As bases serán máis ambiciosas cas primeiras ao incrementar de 70 € a 400 € a axuda a cada taxista empadroado en Nigrán (sendo a axuda por cada vehículo ao seu nome e independentemente da localidade onde teña expedida a licenza, a diferenza da anterior convocatoria). Por outra banda, no sector hostaleiro auméntanse o número de posibles beneficiarios dentro dun mesmo negocio. “Criterios como o empadroamento, localización do establecemento e domicilios fiscais foron revisados para poder de verdade chegar a gran maioría do sector do taxi e da hostalaría dando así un paso máis”, resume González.