Gondomar asumirá a titularidade de dous treitos da estrada provincial Nigrán-Vincios

O Consello da Xunta aprobou o decreto polo que se autoriza o cambio de titularidade a prol do Concello de Gondomar de dous treitos antigos da estrada provincial EP-2102, Nigrán-Vincios, facilitando así a materialización do acordo entre o Concello de Gondomar e a Deputación de Pontevedra.

Unha vez que o Pleno da corporación provincial aprobou a proposta de cambio de titularidade, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade autoriza a transferencia do treito de 110 metros que comeza no punto quilométrico 7+190 e do de 60 metros que remata no 7+540.

Estes treitos presentan unhas características funcionais e de utilidade asimilables ao viario municipal de tipo urbano e facilitan o acceso a fincas e edificacións lindeiras.

A transferencia a prol do Concello tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións implicadas.

Co cambio de titularidade aprobado hoxe polo Executivo autonómico, o concello pontevedrés terá a competencia para actuar nestas vías e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

O decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).