O Auditorio de Nigrán acolle o VI Memorial Secundino Pérez

O Concello de Nigrán colabora coa Asociación Folklórica Ardelume de Baíña acollendo este domingo desde as 17:00 horas no Auditorio Municipal o VI Memorial Secundino Pérez, dedicado ao gran mestre de gaiteiros orixinario de Chandebrito e referencia da música tradicional galega. Nesta homenaxe organizada anualmente polo seu alumnado, actuarán as diferentes entidades nas que impartiu clases: Aires de Santes de Vincios, Ecos e Agarimos do CCV de Peitieiros, C.C. A Merced de Chaín, Novos Aires de Couso, ex compoñentes do grupo Algarada e Castro de Chandebrito, e, finalmente, os anfitrións desta sexta edición: Ardelume de Baíña. A entrada é de balde ata completarse o aforo.

Secundino Pérez Sanromán (1931-2014) foi un músico vocacional e autodidacta que se dedicou ao seu ensino durante máis de 40 anos, beneficiando a diferentes xeracións de músicos de toda a comarca e creando multitude de agrupacións. Secundino foi tamén saxofonista e compositor e, sen dúbida, constitúe un referente da música tradicional galega. “O Concello de Nigrán está moi agradecido por poder sumarse a esta homenaxe a un veciño de Chandebrito que forma parte xa da Historia da nosa música e que é recordado polo seu alumnado coma unha persoa de gran paciencia e fermoso carácter”, sinala o alcalde, Juan González.