
Manifesto Miñor, socio do goberno socialista de Gondomar, fixo pública este martes a carta presentada por rexistro o pasado 2 de marzo na que o seu portavoz, Antonio Araújo, solicita ao alcalde Paco Ferreira a devolución do que consideran cobros indebidos por quilometraxe, despois de varios intentos frustrados para falar sobre o asunto.
Araújo comeza a misiva indicando a súa “preocupación e desacordo a respecto de determinadas actuacións” levadas a cabo polo alcalde no que vai de mandato “que poden ter consecuencias políticas imprevisibles”.
“Lamentamos ter que chegar a esta situación pero a lealdade co goberno municipal do que formamos parte, e contigo mesmo como alcalde, obríganos a facelo así. Calar e esperar polo desgaste público do socio de goberno, ou xogar ao canto peor mellor, ademais de desleal co partido que ti representas (PSOE) con quen pactamos o Goberno Municipal de Gondomar, sería unha irresponsabilidade política que os veciños de Gondomar non perdoarían”, continúa o Tenente Alcalde.
Manifesto Miñor indica que revisando a documentación oficial que lle é remitida periodicamente polos diferentes órganos municipais, como son as actas dos plenos ou das xuntas de goberno, as resolucións de alcaldía ou os informes trimestrais de intervención, “descubrimos con preocupación unha serie de decisións túas, no teu propio beneficio persoal, que sobardan ao noso entender os límites do que debe ser un correcto e exemplar proceder dun alcalde”.
Trátanse de resolucións e levantamentos de reparo realizados periodicamente referidos ao cobro de quilometraxes dentro e fóra do concello, dietas ou, o cobro do fondo social, todo iso sen xustificar e cos informes contrarios de intervención, que entre outras advertencias di que as bases de execución do orzamento municipal non permiten o cobro de quilometraxe dentro do propio termo municipal.
Araújo sinala que o rexedor vén pasando mensualmente entre 1000 e 1500 quilómetros dentro do concello, e asegura que “aínda que non nos corresponde a nós pronunciarnos sobre a legalidade ou non das túas accións, si que as valoramos como unha falta de ética impropia dun goberno municipal de esquerdas e inexplicable nun alcalde socialista”.
Finalmente, rogan a Ferreira, que coa “máxima urxencia e dilixencia posibles”, devolva ás arcas municipais o indebidamente cobrado, así como proceda a explicar con claridade e contundencia argumentarias na propia devolución os motivos da mesma, e mesmo, unha explicación pública.
Pola súa banda, Paco Ferreira critica que “pretendan acusarme de corrupto por cobrar quilometraxe cando uso o meu vehículo particular para desprazarme como alcalde (ver camiños, obras, actos culturais, etc”. Así mesmo sinala que o cobrado por este concepto atende a cuestións do seu cargo e segundo o establecido no Real Decreto que o regula a 0,19 euros por quilómetro. “E pregunto eu, como fago para exercer de alcalde entón?, Vou en taxi?, Lévame a Policía?, Como fago?, pregúntase.
O rexedor insiste en que non se trata dun sobresoldo, senón para compensar os gastos polo uso do coche (gasolina, seguro, rodas, etc). “O mesmo criterio que seguimos para os funcionarios que usan o seu vehículo particular: inspectora de obras, notificador, arquitecto ou calquera outro funcionario, que por sorte para o concello non se negan a usar os seus vehículos”.
“A verdade que a demagóxica política aguanta todo e máis, e a envexa é a pandemia deste país. Coherencia e tranquilidade señores, que eu vin aquí a traballar e a cambiar Gondomar (parézalle ben ou mal a quen queira), é o meu único obxectivo. Socios amigos, inimigos, etc, terei moitos defectos, pero de momento son traballador, humilde e honrado”, conclúe Ferreira.
Manifesto Miñor lamenta que o alcalde “non tivese a ben reunirse cos seus socios de goberno e confunda agora con inimigos ou con demagoxia ás persoas que lle din as cousas con honestidade e con respecto”. En todo caso, continúan, “se o traballo dos concelleiros de Manifesto Miñor non resulta do seu agrado porque non se comportan con submisión, xa sabe o que ten que facer, retirarlle as competencias”.