O sábado disputarase en Nigrán unha novidosa edición da H2K Plaza Nocturna

A H2K Plaza Nocturna disputará o vindeiro sábado unha edición “moi especial”. Así quedou reflectido na presentación oficial da proba que se realizou en Nigrán. Por primeira vez varía o seu percorrido habitual e disputarase na contorna de Praia América, o que constitúe un aliciente máis para todos os atletas. As inscricións aínda están abertas ata este mércores e pódense realizar nas web nigranh2kaplaza.com e emeSport.es.

Serafín Martínez, organizador da proba, resaltou no acto de presentación a importancia que adquiriu desde que se celebrou a primeira edición fai tres anos. “Converteuse nunha das máis importantes polo número de participantes”, asegurou. Ao seu lado atopábase Iván Roade, un dos favoritos para lograr a vitoria. O deportista asegurou que “é un percorrido espectacular e ademais con moitos atletas. Iso gústame moito”. Iván Roade gañou hai poucos días o media maratón de Salamanca.

Juan González e Ángel Rodal, alcaldes de Nigrán e Baiona, respectivamente, compartiron a opinión de que “o deporte non coñece fronteiras” e ambos se mostraron “encantados cunha iniciativa deportiva de tanta importancia”. O rexedor de Nigrán insistiu en que “este tipo de proxectos serven para poñer en valor os nosos territorios”. Xunto a eles atopábanse os representantes dos patrocinadores o evento.

A axenda da H2K Plaza Nocturna iniciarase ás seis e media da tarde cunha clase gratuíta de zumba. Ás sete e media será a saída para os máis novos. E ás oito e media para o resto de categorías. Para a sénior establecéronse dous percorridos de cinco e dez quilómetros respectivamente.