Doqui, de visita nunha praia de Nigrán

Doqui continúa visitando as costas da Ría de Vigo. Este venres foi vista na praia de As Canas, en Nigrán. O animal leva desde maio do ano pasado nas nosas costas viaxando de norte a sur. Trátase dunha femia de aproximadamente dous anos de idade, neste momento ten un tamaño de case dous metros e pesa entre 90-100 kg.

Foi avistado por primeira vez o sábado pasado en Vigo, cando levantou unha enorme expectación na praia de Canido, pouco antes das tres da tarde. Tamén o luns volveu pasearse por outro areal da ría, entre Patos e Saiáns. E agora repetiu fazaña ante a mirada de decenas de bañistas.

Habitualmente bota tempadas en mar aberto sen ser localizada que logo alterna con visitas á costa onde adoita saír a descansar e durmir nas rochas. Foi en Caión onde, no verán pasado, nomeárona como Doqui.

QUE FACER

Diante da presenza do lobo mariño DOQUI o único que hai que facer é avisar a 112 ou ao teléfono de coordinación da Rede de Varamentos 686989008, para que rexistren o lugar onde se atopa, e nada máis, deixala o máis tranquila posible. Durante estes días observouse o acoso de bañistas, xente que lle quería dar de comer, botarlle auga e mesmo que a expulsaron do areal. Posiblemente hai boas intencións nestas actuacións mais son innecesarias e mesmo prexudiciais. Darlle tempo e espazo, tranquilidade e nada máis.

QUE NON FACER

Pensar que está enferma ou ferida, salvo que se observen feridas abertas ou lesións graves. Non tocala baixo ningunha circunstancia. Non aproximarse pois os lobos mariños son agresivos en distancias curtas, presenta unha boa defensa de dentes na boca e pode magoar. Non levar cans soltos na praia ou litoral.

EDUCACIÓN AMBIENTAL

Para evitar esta problemática o máis importante é a divulgación e a educación ambiental, da presenza do lobo mariño e das boas actuacións que hai que ter diante del. Só dende unha posición de respecto pode darse un achegamento ao medio mariño e á convivencia coa fauna salvaxe. As situacións máis acuciantes deben ser postas en mans das forzas da orde e denunciadas, entre elas a persecución e o acoso, polo que se recomenda a denuncia na policía local, ou Garda Civil (062) directamente.