
Nova contenda polo título no Campionato Galego de Rallyes, onde Alberto Meira, Avelino Martínez e todo o equipo AMF Motorsport confiaban en poñer as cousas difíciles ao seu rival polo título. E desde un inicio foi así, con diferenzas mínimas nos primeiros compases e un toma e daca onde Meira cedía terreo no tramo de Maceda – Baldrei pero recuperábao no da Tapada – Luintra, chegando ao intermedio da proba con pouco máis de tres segundos de desvantaxe.
Con todo, a clave ía estar na primeira sección da tarde, onde Meira cedía outros oito segundos que lle deixaban a 11 na xeral, unha diferenza difícil de recortar con dous tramos por diante sabendo a igualdade reinante esta tempada. Aínda que o de Vincios tentouno por todos os medios debía conformarse coa segunda praza final, máis aínda cando tratando de manter a presión picaba na última especial, terminando a 22 segundos do triunfo.
As palabras de Meira á súa chegada ao parque pechado eran de resignación aínda que contento por dalo todo: “Foi un rallye moi rifado, xa que estivemos aí apertando durante todo o día. Tivemos un pequeno problema coa bomba da dirección, que volveu fallar do mesmo xeito que no Sur do Condado. Hai que felicitar a Víctor polo seu triunfo e ambos temos un ritmo moi alto no que asumimos moitos riscos, baixando os récords de todos os tramos. Quédanos un pouco de mágoa porque hoxe a verdade é que estivemos moi preto do noso rival, pero as carreiras son así e debemos seguir pelexando ata o final”.
O próximo rallye, o San Froilán, pode ser definitivo de fronte ao título, pois o piloto gondomarense depende do que faga o seu rival para sentenciar tanto o certame autonómico como a Copa Top Ten Pirelli Driver A e o Supercampionato Galego R5. E é que Meira depende dun abandono do seu rival para chegar con opcións á última cita no Ribeira – Ría de Arousa.