“Deixémonos de pelexar por placas, que nalgunhas paredes xa se amontoan”

“Que para o PP e MM a única preocupación é a retirada de “placas sendo” de edificios que foron reformados, é sinal de que este goberno vai moi ben”. Así responde o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, á petición de Paula Bouzós de recolocar as placas de inauguración que se retiraron do Punto Limpo, o Centro de Saúde antigo e a Casa da Cultura.

“As placas retiradas foron, unha foi para colocar un ascensor, outra para reformar o punto limpo e outra para remodelar a fachada do antigo centro médico, cal é o delito?”, pregúntase Ferreira, que lembra que durante o actual goberno fíxose, entre outros, un centro médico novo, a cargo da Xunta, prazas, comprouse a Casa Peralba, pistas de skate, reformáronse os pavillóns deportivos, pistas deportivas, canchas de tenis, a praza de abastos… e “non hai ningunha “placa sendo alcalde…”, e de poñerse algunha algún día poñería: esta obra, ou o que sexa… foi feita polo pobo de Gondomar, que é quen paga”.

“Déixense de egos e póñase a traballar por e para Gondomar, e deixémonos de pelexar por “placas sendo”, que nalgunhas paredes xa se amontoan, ademais o mérito do que un goberno fai non é só do alcalde, senón de cada un dos concelleiros que conforman a corporación, incluídos os da oposición”, conclúe o rexedor.