Detidos catro veciños de Nigrán como presuntos autores de máis dunha vintena de roubos no Val Miñor

A Garda Civil detén a 4 veciños de Nigrán, e investiga a outros 2, como supostos autores de máis dunha vintena de roubos cometidos durante os dous últimos anos, na súa maior parte, en bares e cafeterías da comarca do Val Miñor.

As investigacións que viña realizando o Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán culminaron hoxe coas detencións, destes mozos que teñen un amplo historial delituoso, todos eles con idades comprendidas entre os 18 e 23 anos. Un deles era menor de idade cando se cometeron algún dos delitos.

As dilixencias instruídas pola Garda Civil, no marco da Operación Costapui, permitiron obter numerosos indicios que os implican nun total de 22 delitos cometidos durante 2019 e 2020, nos municipios de Baiona, Nigrán, Gondomar, Tui e Vigo. Deles, 19 foron delitos contra a propiedade con forza nas cousas, 1 roubo en interior de vehículo, outro de simulación de delito, e outro máis de danos. Na maior parte dos casos accedían aos locais forzando as fechaduras de portas e xanelas.

As investigacións concluíron coa recuperación de numerosos caxetíns de máquinas recreativas e de tabaco, moedeiros e luvas utilizadas nos roubos.

As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución dous de Vigo, así como en Fiscalía de Menores de Pontevedra, ao ser un dos detidos menor de idade cando suceden os feitos.

Anuncios