Arranca o Barbeira Season Fest de Baiona cun concerto sorpresa

O Barbeira Season Fest de Baiona arranca mañá venres e anuncia unha última sorpresa: o Concerto Zentolo de Radio Pesquera, de Pablo Novoa e Nono García, para abrir o festival. A organización gardaba en segredo esta última actividade para dar comezo a esta edición na que se darán cita 18 grupos durante toda a fin de semana e que consolida ao Barbeira Season Fest como unha das propostas festivaleiras máis atractivas do verán galego.

Mañá venres, para o que todas as entradas están esgotadas, subiranse ao escenario Radio Pesquera, coa colaboración da marca galega Rei Zentolo, Basanta e Baiuca. O sábado, será a quenda de Carlota, Marcelo Criminal, Malamute, Los Marcianos, La Claridad, o concerto Vibra Mahou de Moura e, para finalizar a xornada, o concerto Viva Suecia. O domingo o público poderá gozar dos concertos de Valdivia, Mujeres, Tronco, Aiko El Grupo, La Borde, o concerto Vibra Mahou de The Kings of the Beach e pechará o festival Ladilla Rusa. Para o sábado e o domingo aínda quedan entradas á venda, que se poden adquirir na web do festival.

Durante tres días, a música ao vivo convivirá coa gastronomía do “restaurante máis pequeno do mundo” do chef Rafa Centeno e cociñeiros da zona de Baiona, a actividade das “Catas do Camiño”, coa sumiller Yolanda Díez, e as referencias aos eixos do festival: o Camiño de Santiago, a promoción turística da contorna e o coidado do medio ambiente.

O Barbeira Season Fest, organizado pola promotora de eventos Elemental Street, conta co apoio da Xunta de Galicia, Xacobeo 21-22, a Concellería de Cultura do Concello de Baiona e a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas, Vibra Mahou cuxos concertos están vinculados á colaboración establecida entra a cerveceira, a Fundación Paidea Galiza e a Escola da Organización Industrial co obxectivo de impulsar o emprendemento entre o talento musical emerxente.