O PP de Baiona critica que se cobre 1 euro por asistir aos concertos da Anunciada

O Partido Popular de Baiona denuncia que por primeira vez na historia, o goberno local cobra a entrada aos concertos da fin de semana incluídos na programación das festas da Anunciada, financiados con fondos municipais, e faio segundo os populares camuflando esta cobranza como “gastos de xestión”. Aínda que se trata dunha cantidade baixa, un euro, este custo obrigatorio para quen quere reservar a súa entrada en liña sorprendeu e xerou un gran malestar entre os veciños e turistas que trasladaron ao grupo municipal popular.

“Chama a atención que para o resto dos concertos incluídos no programa Baiverán este cargo non existe pero si para os programados para esta fin de semana das festas da Anunciada, a pesar de que todos eles son organizados e pagados con diñeiro proveniente dos veciños”, apuntan desde o PP, para quen este novo sistema podería ser a antesala á privatización da organización das festas da Anunciada para o ano que vén.

“Quen di que se este ano é un euro para o que vén non poida ser máis. Dá a sensación de que poderiamos estar ante unha privatización en toda regra por parte dun goberno que di ser progresista e que en lugar de velar polo achegamento da cultura e dos servizos ao pobo de forma gratuíta encaréceo sen xustificación”, aventuran os populares, que lamentan que este tripartito sexa tan “incapaz” de xestionar a programación dunhas festas e teña que encargar a unha empresa externa a súa organización e coordinación. “Sempre se fixo desde o Concello coa implicación directa dos concelleiros”, lembran desde o grupo municipal popular.

Un custo contrario a dereito

O PP tamén advirte de que estes “gastos de xestión” son contrarios a dereito porque no Concello non existe ningunha ordenanza municipal que regule a cobranza dunha taxa por este concepto. Así, por tanto, o tripartito estaría a incorrer nunha irregularidade, posto que o executivo local non ten potestade para lucrarse por esta cuestión e, por tanto, ante calquera denuncia veríase obrigado a devolver ese diñeiro aos compradores das entradas.

O Concello apunta a un maior control dos asistentes

A concelleira de Cultura de Baiona, Miriam Costas, aclarou que os concertos da Anunciada son con tiketeo igual que o resto da programación do Baiverán, coa diferenza de que nestes últimos tan só resérvase un asento, nos da próxima fin de semana inclúese plano e elección de asento, “para saber non só as persoas que acoden ao evento se non que ao ser un número moito maior de asistentes os habituais teremos non só os seus datos senón tamén as localizacións, por se se dá algún positivo entre os asistentes, saber quen estivo ao seu ao redor, sendo moito máis fácil de localizar e controlar”.

Miriam Costas engade que “esperamos que non sexa necesario pero é unha medida de seguridade que consideramos debemos tomar. Todo ese servizo leva un gasto de xestión de 1€ que lle pide a propia plataforma ao facer a reserva. O Concello non cobra nada e o resto de gastos da empresa de tiketing asúmeos o Concello”, conclúe a concelleira.