Nigrán abre o prazo para participar no concurso de Entroido telemático dirixido a conviventes

O Concello de Nigrán abre desde este venres 12 ao martes 16 de febreiro o prazo para participar no concurso de disfraces telemático dirixido a familias de conviventes co obxectivo de que se festexe esta tradicional data na intimidade familiar e, polo tanto, sen risco sanitario. Como incentivo para a participación, os premios constarán de tablets e cestas gastronómicas.

O certame está dirixido a calquera grupo de conviventes, independentemente da súa idade (mínimo 3 persoas) e de onde vivan. O requirimento imprescindible para todos os casos é que fagan unha foto de grupo onde se vexa un cartel que poña “Entroido Telemático 2021-Concello de Nigrán” e sexa enviada con calidade suficiente a comunicacion@nigran.org entre o 12 e 16 de febreiro. Non se admitirá ningunha imaxe con posterioridade a esa data nin aquela na que non figure o cartel físico “Entroido telemático 2021-Concello de Nigrán” que demostre que o grupo fixo esa foto ex-profeso para participar neste concurso. As imaxes serán subidas ao Facebook do “Concello De Nigrán” a medida que se vaian recibindo (do 12 ao 16 de febreiro) e gañarán os tres grupos que sumen máis “Me Gusta” (inclúe “Me Encanta” ou “Me Importa”) o 17 de febreiro ás 12:00 horas e aquel que non teña ningún (se é o caso). Cada grupo premiado recibirá unha tablet e unha cesta de produtos gastronómicos típicos do Entroido galego.

“Ante a situación sanitaria organizamos este certame para animar ás familias a que se disfracen cos seus pequenos xa que non haberá o tradicional desfile escolar nin, por descontado, o concurso de comparsas organizado desde o Concello ou outras actividades”, explica o alcalde, Juan González, quen agarda que no 2022 se poida festexar con normalidade.

Enterro do Kiko

Desde o Concello de Nigrán considérase celebrar o tradicional Enterro do Kiko co Centro Cultural Parada do Miñor en canto a situación sanitaria o permita con total seguridade, independentemente de que sexa durante o verán. “É unha tradición de moita raigame en Parada que queremos que siga no 2021 aínda que sexa verán, o importante é desfrutalo”, subliña o rexedor. Esta peculiar celebración naceu en Parada da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao Enterro da Sardiña, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de máis dunha década de vida foi adquirindo sona e, desde hai xa catro anKs, o kiko é transportado nun carro de bois desde o Concello ata Parada, onde é velado e incinerado nunha divertida cerimonia.