Anuncios
Ticker de novas

Desarticulado un grupo criminal que vendía vehículos cos conta quilómetros alterados

FOTO: GARDA CIVIL

A Garda Civil desmantelou un grupo criminal organizado, asentado en Lugo, que viña dedicando á compra venda de vehículos de luxo cos conta quilómetros rebaixados.

As investigacións levadas a cabo polo GIAT do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Lugo e a Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, concluíron coa desarticulación dun suposto grupo criminal asentado en Lugo e composto polas 13 persoas detidas.

As investigacións determinaron que as persoas detidas estaban relacionadas con 121 vehículos aos que se modificaron os quilómetros que figuraban no odómetro co fin de obter maiores beneficios no mercado de vehículos de ocasión, nos que nalgún dos casos se manipularan as Tarxetas de Inspección Técnica a fin de ocultar os quilómetros e estado do vehículo, co consecuente engano para o comprador.

Todas as persoas detidas manteñen lazos familiares e de amizade, son de nacionalidade romanesa: 8 homes e 5 mulleres, de idades comprendidas entre os 22 e os 46 anos.

Ao grupo desarticulado, atribúenselle desde o ano 2014 a finais do 2016 un total de 121 vehículos aos que se rebaixaron, polo menos, 30.000.000 km, dos que resultaron prexudicados 145 persoas repartidas por toda España.

A dispersión xeográfica dos afectados obrigou a coordinar as actuacións con numerosas unidades da Garda Civil repartidas por todo o territorio nacional, empregándose tamén ferramentas de cooperación internacional vía Europol coas autoridades de Romanía.

Tras a análise das operacións de compravenda de vehículos púidose constatar que o grupo de persoas investigadas obtería un lucro ilícito de polo menos 200.000 euros.

Os detidos, aos que se lles acusa da presunta comisión dos delitos de estafa, falsidade documental e pertenza a un grupo criminal, foron postos en liberdade coa obrigación de comparecer, cando sexan citados, ante o Xulgado de Instrución Nº2 de Lugo, que coñece do caso.

Anuncios