Mañá resólvese a Liga de Outono AXA J80

FOTO: ROSANA CALVO // O Marías de Manuel María Cunha vai segundo e tratará de vencer na Liga de Outono AXA J80.

A baía de Baiona acolle mañá sábado a partir das tres da tarde as últimas probas da Liga de Outono de J80, que o Monte Real Club de Yates vén celebrando desde o pasado mes de outubro co patrocinio de AXA Seguros.

O campionato de monotipos, que quedou reducido a tres etapas tras a suspensión da súa última xornada a causa do temporal de choiva e vento, vivirá as súas últimas probas nun día que se prevé tipicamente invernal, con moita nebulosidade e choiva, pero tamén con bo vento para regatear, cuns 17 nós de media e picos que poderían chegar aos 30 nós.

Con estas previsións meteorolóxicas, os participantes deberán afinar as súas decisións e estratexias para escalar posicións ata os postos de honra, que neste momento ocupan o Okofen de Javier de la Gándara, o Marías-Casas do Telhado de Manuel María Cunha e o Luna Nueva de Juan Luis Tuero.

Con catro primeiros postos nas seis probas celebradas ata o momento, 6 puntos na clasificación provisional e 6 puntos de vantaxe sobre o seu rival máis directo, a tripulación do Okofen, que mantivo o seu liderado desde a primeira xornada, ten todas as papeletas para levar a vitoria final.

Para definir o resto de caixóns do podio haberá que esperar ao que suceda mañá sábado na auga, xa que os tres seguintes clasificados atópanse nunha pinza de apenas 6 puntos, que vai dos 12 que ten as portugués Marías-Casas do Telhado aos 18 do Pazo de Cea, pasando entre medias polos 16 do Luna Nueva.

Con 25 e 26 puntos respectivamente, o Mondo de Bernardo Macedo e o Namasté de Luis de Mira, son os seguintes clasificados e os que poderían rabuñar algunha posición do podio se logran asinar uns moi bos resultados nas tres últimas probas.

Tras a competición na auga, a Liga de Outono AXA J80 continuará en terra coa celebración dunha cea de confraternización na que participarán armadores, patróns, regatistas, membros do comité de regata e directivos do Monte Real Club de Yates e AXA Seguros. Ao longo dela entregaranse os premios aos gañadores e convocaráselles para a próxima edición da liga de Inverno de J80, programada para os meses de xaneiro, febreiro e marzo de 2019.

Anuncios