
O Concello de Baiona presentou este xoves a programación “Baiverán 2022”, organizada desde a Concellería de Cultura. Os espectáculos retornan á Praza do Concello e os Xardíns da Casa da Navegación. Tamén haberá actividades na Praza Victoria Cadaval de Sabarís e no Adro da Igrexa de Baredo, con cine e varias actuacións musicais. A concelleira de Cultura destacou que haberá artistas locais, nacionais e de fama internacional, con espectáculos para todos os gustos, estilos e formatos, co obxectivo de chegar a todo tipo de público. A programación nos ofrecerá concertos, festivais, monólogos, actuacións infantís, corais, música de cámara, actuacións de danza ou cine na rúa.
Destaca o concerto de Mercedes Peón o venres 22 de xullo na Praza do Concello, na antesala da celebración do Día de Galicia, co seu último traballo “Ingrávida”, coa colaboración do Musigal. O sábado 23 poderemos desfrutar da música de Abóbriga, o domingo 24 dos bailes da Agrupación Folclórica Vila de Baiona e o propio día 25 do grupo de integración Ardelume de Baíña. Os martes haberá cine na Praza do Concello ás 23:00 horas, e para facer máis levadía a espera, haberá espectáculos infantís ás 21:30 horas nos Xardíns da Casa da Navegación, con compañías moi recoñecidas como Tanxarina ou Pistacatro.
O cine na rúa comezará o próximo martes en Baredo, intercalando as parroquias coa Praza do Concello. Coincidindo con estas proxeccións nas parroquias, ás 21:30 horas na Praza do Concello actuarán as escolas de baile. Os monólogos arrancarán cun dos mestres das contadas da nosa terra, Quico Cadaval, ao que seguirán Isabel Risco e Pepo Suevos. A sala do Multiusos de Sabarís acollerá por terceiro ano consecutivo “O falar das pedras” os luns ás 20:30 horas, e diferentes exposicións durante todo o verán. Durante os meses de xullo e agosto, tamén teremos exposicións na Capitanía Marítima.
Tamén volven “As Xeiras do IEM”, nas que se poderá aprender e desfrutar da nosa contorna, retomando a noite de estrelas dende a Groba. Aínda quedan máis cousas como o Barbeira Season Fest, que volve por terceiro ano a Baiona, e para rematar o verán de forma potente, o 10 de setembro a través de Sons do Camiño Xacobeo 2022, Andrés Suárez ofrecerá un concerto no Parque da Palma. E o “Sons do Casco” será finalmente o 16 e 17 de setembro.