Esquerda Unida e Podemos piden que se publique unha guía de servizos sociais no Concello de Nigrán

Desde Esquerda Unida e Podemos de Nigrán considérase necesario e urxente que o goberno de Nigrán proceda a cumprir o acordo plenario aprobado por unanimidade en novembro de 2016 a iniciativa de Nigrán Decide, coalición na que participaba Esquerda Unida e Podemos, publicando e difundindo a guía dos Servizos Sociais de Nigrán, contando co asesoramento do Colexio de Traballadores Sociais de Galicia, onde ademais dos dereitos e deberes das persoas usuarias dos Servizos Sociais de Nigrán, se inclúan todos os recursos que se ofertan.

Cómpre lembrar que segundo a lei de servizos sociais de Galicia unha das funcións destes servizos é a de información, orientación e o asesoramento a toda a poboación, función que podería facilitar esta guía.

Ademais dita Lei establece como un dos deberes das persoas usuarias dos Servizos Sociais o de “Cumprir as normas, os requisitos e os procedementos para o acceso ao sistema galego de servizos sociais”, “obrigas que se facilitarían coa existencia deste recurso, mellorándose o servizo prestado polo concello e evitándose malentendidos, como xa ten acontecido en Nigrán”, finaliza José Cuevas.

Entre outras cuestións figurarían as axudas de emerxencia social que teñen como finalidade custear gastos extraordinarios urxentes como, financiar gastos de alimentación, roupa, enxoval doméstico, anteollos, dentista, prótese ou calquera situación de grave emerxencia das familias. “Polo que cremos indispensable que chegue a cidadanía a información correcta, especialmente nestes momentos nos que as familias con necesidades están aumentando por mor da pandemia”, manifesta Xoán Álvarez, voceiro de Podemos Nigrán.