Gondomar ofrece un curso de autodefensa para mulleres

O Concello de Gondomar abre o prazo de inscrición para participar nun curso de autodefensa para mulleres, unha iniciativa promovida pola Concellería de Igualdade, co fin de dotar ás mulleres de todas as ferramentas que poidan ter ao seu alcance para defenderse ante situacións violentas.

O curso, concedido pola Secretaría Xeral de Igualdade, desenvolverase os próximos días 18 e 20 de xaneiro no Centro Neural do municipio, en horario de mañá. Trátase dun curso de adestramento físico e psicolóxico para crear protocolos de actuación ante as distintas situacións que se poidan atopar as participantes.

Un monitor especialista en defensa persoal, docente da Academia Galega de Seguridade e membro da Federación Galega de Loita, será o encargado de dar as nocións básicas en materia de autodefensa ás participantes.

As interesadas poderán inscribirse nas oficinas do Centro de Información á Muller (CIM), situada nas dependencias do antigo Centro de Saúde, ou a través dos teléfonos 986 360 224 e 986 389 355.