O Concello de Nigrán aprobou por unanimidade no Pleno ordinario de onte presentar a candidatura oficial do municipio para ser distinguido por Unicef como “Cidade Amiga da Infancia”. O Concello de Nigrán, tras anos de intenso traballo, está xa oficialmente a un só paso de obter esa declaración tras serlle outorgado o ano pasado unha disposición transitoria que sinalaba en Galicia a Nigrán, Burela e Viveiro entre os 25 novos municipios de toda España candidatos oficiais a obter o selo CAI (concedido de xeito bianual, cunha vixencia de 4 anos, e que na nosa Comunidade dispoñen actualmente Moaña, Moeche, Redondela, Teo e Tomiño, sumando en todo o país 301 entidades locais).
Desde esta disposición, a Concellería de Educación, a cargo de Estela Pérez, vén implementando o “Plan Local de Infancia e Adolescencia”. Esta distinción a outorga UNICEF España, xunto co Ministerio de Xuventude e Infancia, a Federación Española de Municipios y Provincias e o Instituto Universitario de “Necesidades y Derechos de la Infancia y la Adolescencia” a aqueles que superen un duro proceso de avaliación.
“O selo non se consigue nun día. Levamos anos de traballo para cumprir con todos os requirimentos esixidos e aspiramos a obtelo definitivamente a finais deste ano”, explica González, quen aclara que, precisamente, o obxectivo é promover o desenvolvemento, mellora e innovación continua nas políticas de infancia e adolescencia no ámbito local (por esta razón, o Concello creou no 2021 o Consello de Participación Infantil e Xuvenil do Concello de Nigrán).

