O alcalde de Nigrán, Juan González, comunicou ante o Pleno o resultado do recurso do PP ao TACGAL sobre os pregos de contratación do servizo de recollida de residuos, limpeza viaria e praias e que obriga a reformulalos novamente. Estes xa foran denunciados polo PP en novembro de 2023, cando se presentaron ao pleno por vez primeira, rexeitando o TACGAL o seu recurso pero admitindo nesa ocasión o da CIG. “Agora este órgano administrativo, non xudicial, con nomeamentos a dedo a cargo do presidente, Alfonso Rueda, volve a paralizalo por un recurso do seu partido. Pois non imos parar, presentaremos por terceira vez os pregos e o faremos as veces que faga falta ata que saian adiante, porque o que non imos consentir é que o PP e a Xunta nos deixen cun contrato obsoleto, vencido xa, e que prexudica a toda a cidadanía e aos traballadores”, expón González, quen engade que os tres aspectos que agora pide corrixir o TACGAL é incluír a recollida orgánica máis alá dos grandes produtores, ademais dos aceites e o téxtil.
“O propio contrato xa inclúe os orgánicos nos establecementos comerciais e indica que durante a súa vixencia se estableza este quinto contedor para a veciñanza que, de momento, non é obrigatorio. En canto á recollida de téxtil e aceite, temos ONG como Cáritas que o están a facer gratuitamente para o Concello e ás que non queríamos prexudicar, pero lamentablemente teremos que prescindir delas e, o que é peor, todo iso hai que repercutilo no orzamento final da contratación, polo que este subirá”, explica o rexedor, quen recoñece que desde que chegou a resolución estase a traballar no Concello para emendar os pregos. “Non pararemos ata que sexa imposible que o TACGAL os tombe grazas ás sucesivas denuncias que, estamos seguros, o PP irá poñendo. É moi triste que os pregos do lixo máis técnicos e transparentes na Historia deste Concello sexan recorridos unha e outra vez por un PP que prima os intereses do seu partido por riba da cidadanía e dos traballadores”, finaliza.

