Avelaíña recibe unha subvención do Concello de Baiona para o asesoramento dos seus veciños

A Asociación Avelaíña vén de recibir unha subvención do Concello de Baiona para dar información e asesoramento aos seus veciños. A contía concedida ascende a 1.000 euros, que axudarán a dar resposta á necesidade de información en saúde mental deste municipio.

Este servizo trata de dar resposta ás demandas da poboación en relación á Saúde Mental, mellorando así a súa calidade de vida. Trátase dun servizo que vén realizando Avelaíña de forma permanente na zona do Val Miñor, pero o cal, debido á gran demanda de atención derivada pola situación de crise sanitaria do COVID-19, vese aumentado.

Os beneficiarios directos da atención serán calquera persoa con necesidades de información en saúde mental, podendo ser persoas con problemas de saúde mental, familiares, persoas coidadoras e profesionais do ámbito sanitario, social e educativo así como calquera cidadán do Concello de Baiona.

As persoas usuarias poderán acceder ao servizo por iniciativa propia ou por derivación de outros recursos sociocomunitarios: Servizos Sociais do Concello, Centro de Saúde, etc. Accederán ao servizo despois de ser contactadas pola profesional de referencia de Avelaíña, que establecerá unha primeira cita.

Asociación Avelaíña no Val Miñor

A Asociación Avelaíña naceu en A Guarda en 1997 e foi fundada por familias afectadas por problemas de saúde mental que uniron os seus esforzos para lograr que aos enfermos mentais e ás súas familias se lles prestase unha axuda e asistencia continuada, traballando, para iso, na súa rehabilitación psicosocial e laboral, logrando un Centro de Rehabilitación e un Piso supervisado.

O proceso de expansión da Asociación continuou pola comarca do Val Miñor, ante a necesidade dalgúns usuarios que se desprazaban ata a Guarda para recibir atención. Tras pasar por diversos enclaves (Gondomar, Nigrán e Ramallosa) e unha gran serie de xestións e contactos, no ano 2013 Avelaíña solicitou á Tesourería Xeral da Seguridade Social o local situado na Casa do Mar de Baiona. A súa cesión supuxo a estabilización das actividades como Centro de Rehabilitación Psicosocial na comarca do Val Miñor, configurando un servizo e unha nova sede de traballo que se manteñen ata a actualidade.

Nesta sede, en Baiona, ademais de ofertar os servizos de Respiro Familiar, Acompañamento Integral, Xestión e Tramitación, Atención Domiciliaria, Orientación e Integración Laboral, Información e Asesoramento, Escola de Familias, Proxecto de Promoción da Autonomía Persoal en enfermidade mental grave, Proxecto VOZ Natura, a Asociación conta cun Centro de Rehabilitación Psicosocial, con prazas concertadas co Servizo Galego de Saúde (SERGAS).