13 establecementos de Gondomar participan na 6ª Festa da Empanada

Por sexto ano consecutivo, a Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI) e a Concellería de Comercio do Concello de Gondomar, poñen en marcha a «Festa da Empanada». Nesta nova edición participan 13 establecementos hostaleiros de Gondomar, que ofrecerán desde o día 16 ao 20 de maio, unha ración de diferentes especialidades de empanada a 2,50€.

As persoas que vaian a Gondomar a degustar esta deliciosa ración poderán votar para elixir á “Mellor Empanada 2018”, entrando nun sorteo dunha estancia dunha noite con aloxamento e almorzo no Parador de Baiona. Desde OVALMI, convidan a todos a gozar durante estes días das diferentes versións deste prato tan típico galego.

Empanada doce de flan, de peras fritas con crema catalá, de polo en salsa de pementos e améndoas, de tofu e polo, de millo con xoubiñas, de mexillóns, de atún con anchoas, mariñeira ou de bacallau con pasas, son algunhas das variedades que nos poderemos atopar durante os cinco días que durará o evento.

Os establecementos participantes son Cafetería Keik, Restaurante Pazo da Escola (Mañufe), Cafetería El Temple, Restaurante La Vitrola, Bar Couso, Tapería A Galiña do Ardora, Cafetería Alameda, Café Bar Estanco, Tapería Adechape, Bocatería Lalos Gondomar, Restaurante Casa Soleiro (Mañufe), Pensión Asador Cepas Vellas (Mañufe) e Restaurante Casa Celso (Couso).