Sin categoría

Nigrán celebra o Día do Libro cun contacontos na biblioteca e actividades no CEIP Carlos Casares

O Concello de Nigrán celebra este luns 23 de abril o Día Internacional do Libro cun contacontos-obradoiro no xardín da Biblioteca Municipal ás 18:00 horas. Dirixido a nenos de 0 a 8 anos e unha duración de 60 minutos, trátase dun contacontos-obradoiro de intelixencia emocional no que utilizando o conto “O monstro de cores”, de Anna Llenas, os nenos irán recoñecendo as emocións (alegría, tristeza, medo, rabia, calma e amor) a través de diferentes xogos e dinámicas que desenvolverá Carla Muñoz, responsable da librería de Nigrán especializada en literatura infantil e xuvenil “Donde viven los cuentos”. O mesmo luns pola mañá, o CEIP Carlos Casares de Vilariño e o Concello inaugurarán o mural de Lula Goce pintado na súa fachada con diferentes actividades dirixidas ao alumnado do centro.

O Concello de Nigrán celebra o “Mes dos Libros” con actividades todos os fins de semana, así, a tarde do venres 27 estará “Fíos do Querer” de Cé Orquestra Pantasma na Praza do Concello, actividade que irá acompañada dun obradoiro de xogo libre con material natural non estruturado. “Fíos do Querer” é para xogar, cantar e bailar cos nenos de colo, que gozarán de nanas de primeiras palabras, para arrolar, para dar bicos, facer palmiñas, virar, saltar… O punto e final a toda a programación do mes será o sábado 28 co contacontos a mediodía na Praza do Concello e pola tarde co obradoiro “pintando a música” baseado no imaxinario de Hervé Tullet e dirixido a familias e nenos a partir de 5 anos. Tullet é recoñecido en Francia como o “Príncipe dos libros de Preescolar”.