A subdelegación de Goberno distribuíu máis de 100.000 máscaras a colectivos sociais de toda a provincia

Durante o día de hoxe comezou a repartición de máscaras hixiénicas correspondente a un novo envío realizado polo goberno de España. Desta forma, a subdelegada do Goberno en Pontevedra coordinou esta terceira repartición a diferentes colectivos e entidades da provincia para garantir o uso obrigatorio deste material de seguridade individual cando non se poida respectar a distancia física entre as persoas.

O montante de máscaras ascende, nesta ocasión, a 60.000 unidades que serán distribuídas desde a Subdelegación do Goberno. En concreto, a repartición esténdese novamente a entidades sociais como son o Comité Provincial de Cruz Vermella, Cáritas, para as súas sedes de Tui-Vigo e Salnés e para o Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade, CERMI, quen será os encargados de facer chegar o material sanitario aos seus asociados como COGAMI, ONCE, ASPACE, DOWN, e FAGAL, entre outras.

Cada unha destas entidades recibirán unhas 20.000 máscaras para que poidan chegar a todos os colectivos que a conforman.

Con esta nova entrega, a subdelegación fixo chegar máis de 100.000 máscaras a estas organizacións e a outros colectivos como bancos de alimentos e asociacións sociais “para garantir, especialmente, que chegase este equipamento sanitario a todos os colectivos e, especialmente, a aqueles relacionados con persoas que poidan ter unha maior limitación de compra pola súa situación máis desfavorecida”, recalcou a propia subdelegada.

Maica Larriba quixo lembrar que “esta nova entrega de material sanitario por parte do goberno, súmase ás máis de 560.000 que foron repartidas na provincia de Pontevedra desde o 13 de abril para cubrir as necesidades da poboación no retorno á actividades de acordo ás diferentes fases de desconfinamiento que estamos a levar a cabo”. Tamén quixo lembrar a importancia de seguir o protocolo sanitario esixido en cada momento, tanto a nivel de distancia social como a hixienización frecuente de mans, medidas que reducen ao mínimo as posibilidades de contaxio”.

Finalmente, a subdelegada do Goberno en Pontevedra “anima e agradece á cidadanía o seu comportamento en cada unha das fases de desescalada para que entre todos superemos esta pandemia cara a unha nova normalidade, á que temos que chegar máis fortes para seguir traballando pola nosa provincia”.

Anuncios