A Xunta agradece o traballo e “a loita sobre o terreo” de Protección Civil durante a crise sanitaria

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu hoxe o traballo das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), que están realizando un labor fundamental ante a crise sanitaria causada pola epidemia de coronavirus.

Así llo trasladou hoxe a representantes de Protección Civil das catro provincias, durante unha reunión por videoconferencia na que tamén se abordaron as achegas e necesidades destas agrupacións, que levan “desde o principio do estado da alarma loitando sobre o terreo e traballando en toda a axuda que é necesaria nesta pandemia”. No encontro tamén participaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo.

A activación en Galicia do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) supuxo tamén a activación destas agrupacións. Para que realizasen o seu labor coas máximas garantías, a Xunta fíxolles chegar unha circular con indicacións como recomendacións sanitarias ou sobre a organización do persoal ante a situación de emerxencia. Tamén se lles pediu que trasladasen, a diario e de forma telemática, os operativos que realizan.

Desde ese momento, 176 AVPC están traballando sobre o terreo e levan realizado, a día de hoxe, case 17.000 operativos. A maioría destas accións consistiron no reparto de alimentos e medicamentos, así como visitas a persoas que viven soas para comprobar o seu estado, accións que se desenvolveron especialmente no rural. Tamén se ocupan doutras funcións como a desinfección de lugares públicos ou tarefas de apoio ás forzas e corpos de seguridade. En definitiva, “un traballo imprescindible e insubstituíble que están realizando baixo a coordinación da Xunta”.

O vicepresidente destacou a importancia de todas estas accións e trasladou o apoio do Goberno galego aos voluntarios e voluntarias. Neste ámbito, destacou que o Goberno galego fixo chegar xa material de protección aos 313 concellos. En concreto, 488.000 luvas, 232.000 máscaras, 2.700 botes de xel hidroalcohólico, 12.200 traxes antisalpicaduras, 16.000 batas, 121 garrafas de desinfectante e 2.100 litros de lixivia.

“Non hai que esquecer que unha parte moi importante deste material -máscaras, guantes, traxes, elementos para desinfectar…- van ás agrupacións de voluntarios”. De feito, un dos criterios de reparto, pactado coa Fegamp, é o número en cada concello de voluntarios de Protección Civil, porque é un persoal que “necesita estar protexido”.

Ademais, o vicepresidente recordou que a Xunta investiu nos últimos anos máis de 12 millóns de euros en equipar estas agrupacións, “un investimento que é sempre útil e que se está vendo durante estes días que é absolutamente fundamental”. Lembrou que tamén se lles brinda formación aos voluntarios a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).