Primeira condena por abusos bancarios do Banco Pastor en Gondomar

As charlas que a Concellería de Comercio de Gondomar realizou hai un ano están a dar os seus froitos. O xulgado de primeira instancia nº9 de Vigo vén de condenar nunha rotunda e concisa sentenza os abusos cometidos polo Banco Pastor, na emisión de escuros produtos bancarios.

Esta é a primeira sentenza de varias pendentes enviadas desde Gondomar, nas que varios veciños de boa fe confiaron nos falsos datos achegados polo banco. O rotundo fallo, estima integramente a demanda e declara a nulidade relativa, por erro, do contrato de compra de accións de data 2/6/2016 subscrito entre as partes.

Tamén debe restituír ao demandante unha suma de varios milleiros de euros, e tamén os intereses desde a data da compra das accións. Por último fai expresa condena de costas á parte demandada, isto é, ao banco.

«Desde Manifesto Miñor, continuamos defendendo aos nosos veciños contra todo tipo de atropelos das grandes entidades financeiras en contra dos clientes que de boa fé acreditan na verosimilitud dos datos que lles achegan. Aínda nestes últimos días tramitamos varias máis, e poñémonos a disposición para asesorar aos veciños e para tramitar novas demandas de persoas perxudicadas por este tipo de produtos bancarios tóxicos, todo aquel que queira pode poñerse en contacto connosco en manifestomihor@gmail.com», sinala Xosé Antón Araúxo.

Por outra banda, pero tamén relacionado con este tema, xa foi o xuízo polas cláusulas chan, no que moitas persoas de Gondomar uníronse á demanda colectiva da Asociación de Consumidores de Galicia. «Hai varios meses que estamos en espera da redacción da sentenza, que consideramos vai ser positiva para os intereses dos veciños de Gondomar», conclúe Araúxo.

Anuncios