A Xunta destaca en Baiona a reactivación da actividade dos cámpings galegos con cifras históricas este verán

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe na súa visita ao cámping Bayona Playa xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, os bos resultados turísticos destes establecementos na época estival superando xa as cifras previas a pandemia.

No mes de xullo, os cámpings galegos rexistraron 82.400 viaxeiros que supoñen un 10% máis que en 2019, así como un 23% máis que o ano pasado e o dobre que no mes de xuño. Ademais, marcaron cifras históricas tanto en pernoitas con 358.800 -un 15% máis que en 2019- como en niveis de ocupación. Por tanto, á espera dos datos definitivos, en agosto os resultados serán aínda mellores.

Alfonso Rueda que estes bos resultados súmanse aos dos establecementos hoteleiros -hoteis e pensións- nos que se aloxaron máis de 480.000 turistas en xullo, superando nun 80% os datos de 2020 e situándose en 20 puntos por riba da media respecto a 2019.

O vicepresidente primeiro da Xunta incidiu en que a mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade foi o que permitiu acadar estas cifras. Nesta liña, puxo como exemplos o traballo de promoción a través de campañas como Camiña a Galicia e a posta en marcha de medidas pioneiras para recuperar a confianza dos viaxeiros como o seguro coronavirus ou para inxectar liquidez ao sector como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia.

De feito, o camping Bayona Playa é o segundo establecemento con maior facturación entre os adheridos a esta iniciativa coa que a Xunta pretende inxectar 7,5 millóns de euros ao turismo galego e chegar a uns 10.000 usuarios. Alfonso Rueda lembrou o éxito do programa, avalado tanto polo feito de esgotarse as tarxetas en menos de 12 horas cando se publicou a convocatoria, como nas sucesivas ampliacións de crédito realizadas para chegar a máis usuarios.

Ademais, tendo en conta que as tarxetas poden consumirse ata finais de ano agarda que como moitos galegos aínda non fixeron uso dela nos próximos meses o programa contribúa a manter a demanda nos máis de 1.000 establecementos adheridos.

Por outra parte, engadiu que a aposta por Galicia como destino seguro e cun Camiño seguro tamén está a reactivar o Camiño de Santiago con máis de 108.000 peregrinos no que vai de ano e coa previsión de pechar 2021 con máis de 140.000 Compostelas seladas.