Sin categoría

O Belén en Movemento de Gondomar pecha as súas portas con récord de visitantes

“Sobre 15.000 persoas ou máis. Houbo xente de todas partes, ata me escribiron en árabe”. Así de rotundo mostrábase Fernando Fernández Penedo este sábado, a un día de pechar as portas do tradicional Belén Artesanal en Movemento de Gondomar. “Nando”, natural de Baiona aínda que na actualidade veciño da parroquia de Borreiros, leva sete anos montando esta espectacular recreación do Nacemento de Xesús, que ocupa 75 metros cadrados en forma de “U” e conta con máis de 2.000 figuras, 216 delas animadas. Polo Auditorio do Centro Neural pasaron desde o pasado 6 de decembro, día no que foi inaugurado, xentes de todo o mundo, desde Turquía a Latinoamérica, e tamén chegados desde todos os puntos de España. Non faltaron as habituais excursións organizadas explicitamente para contemplar o Belén de Gondomar, en autobús, como as vindas desde León ou Ponferrada. Tamén se pasaron multitude de grupos de seis ou sete persoas.

“Quero dar as grazas ás miles de persoas que visitaron o Belén de Gondomar, e tamén ao Concello pola súa colaboración, e a todas as persoas que escribiron no libro de visitas, e ata o ano que vén”, sinalou “Nando”, que leva máis de 35 anos como afeccionado belenista, e que comezou a montaxe o pasado 14 de novembro, dedicando 12 horas diarias á súa construción, de luns a sábado, durante case tres semanas. Os materiais utilizados son reciclados, e grazas aos centos de motores, miles de metros de cableado, centos de enchufes, lámpadas, bombas de auga e fontes consegue que a maqueta cobre vida. Este luns comezará a desmontala.

A Anunciación a María, o Palacio de Herodes, a Fuxida a Exipto, o Soño de San Xosé, o Neno no Templo, a Caravana dos Reis Magos, son algunhas das representacións que puideron verse entre outros moitos detalles, como unha ferrería, unha pousada, unha zapatería, unha peixaría, mercadiños, xogos populares e unha pista de bolos celta, ou unha réplica da ponte románica da Ramallosa, sen faltar por suposto o Pesebre co Neno Xesús. O seu primeiro Belén ocupou unha mesa de 80×80, e tras triplicar o seu tamaño xa o segundo, co paso dos anos chegou a ocupar os 20 metros cadrados do seu garaxe. Tras ocupar o corredor lateral do Auditorio Lois Tobío en catro ocasións e a última planta da Casa da Cultura tras un ano de parón pola pandemia, por segundo ano volveu ao Centro Neural (Policía Local).