Malestar co servizo ofrecido por ATSA

As liñas de autobús Baiona-Vigo e Gondomar-Vigo de primeiras horas da mañá (7:00 e 7:30) van ateigadas desde o inicio da ruta. Un terzo dos pasaxeiros ten que facer o traxecto de pé e non son autobuses preparados para levar xente de pé: resulta incómodo, non hai barras para agarrarse, non hai espazo para acomodarse, a pasaxe vai descontenta, chegamos tarde…

É certo que a empresa non infrinxe a lei: os condutores cargan rigorosamente o límite máximo de viaxeiros e reducen a velocidade para minimizar os riscos. Así e todo, algúns dos autobuses, por mor do peso, van tocando coa vía en cada xiro ou fochanca e os cristais embázanse coa calor acumulada, o cal dificulta a visibilidade.

Desde o meu punto de vista, hai tres posibles solucións:

1. Poñer autobuses con maior capacidade, para evitar que parte da xente teña que ir de pé.

2. Poñer autobuses habilitados para viaxar de pé, equipados con barras, e espazosos, para que poidamos viaxar con comodidade.

3. Poñer unha viaxe intermedia, de reforzo, ás 7:15. Inexplicablemente, no verán, que os autobuses van baleiros, ao non haber clases e estar parte da poboación de vacacións, hai rutas cada quince minutos e incluso duplicadas.

Eu comprendo que á empresa lle sae moitísimo máis rendible facer dúas viaxes a tope que tres a media carga, pero, considerando que teñen o monopolio e que o transporte público está subvencionado, penso que deberían dar un mellor servizo. O problema coñéceno, porque saben a caixa que fan neses horarios, e o malestar dos usuarios tamén o coñecen, porque reciben as queixas a través dos condutores e na oficina.

Así que só lles resta buscarlle solución.

Ángela I.S. Bravo

Anuncios