O CPI Cova Terreña inicia o curso con normalidade pese a estar inmerso nas obras de rehabilitación

O CPI de Cova Terreña arrancou o curso académico con normalidade pese a estar inmersos nas obras de rehabilitación integral do centro, acollendo ao alumnado de Educación Infantil e Primaria que se achegaron cos nervios e ilusión habituais do primeiro día de curso. A súa directora, Isabel Martínez Cabaleiro, destaca que as familias colaboraron co centro seguindo as indicacións dadas para a entrega e recollida do alumnado, proceso organizado conxuntamente co Xefe de seguridade da obra nomeado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, para velar en todo momento pola seguridade do alumnado en todas as actuacións que se van a levar a cabo.

“Mesmo o xefe territorial, Don César Pérez Ares, responsables da Unidade Técnica, Inspección educativa e dirección de obra volveron visitar as nosas instalacións para constatar e verificar o estado do centro comprobando que reunía as condicións para o inicio de curso. As obras, que abranguerán o primeiro trimestre, darán como resultado un centro renovado, confortable para toda a comunidade educativa e cunha maior eficiencia enerxética”, destaca a directora.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional inviste nestes traballo 1.136.973,66 euros, que redundará nun aforro do 46,40 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 50,0 % en emisións de CO2 no centro de ensino. Esta actuación forma parte do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas da Xunta de Galicia e é posible grazas ao anticipo de tesourería aprobado no Consello da Xunta para axilizar a licitación das obras con cargo ao superávit de 2018.

As obras contemplan o illamento de fachada polo exterior mediante sistema SATE e a colocación de panel sándwich e illamento térmico na cuberta. Tamén se mudarán as fiestras por unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidro dobre baixo emisivo e instalaranse novas luminarias de alta eficiencia enerxética. A actuación inclúe, asemade, a creación de novos espazos para despachos e departamentos, a reforma de aseos no edificio de Educación Infantil para adaptalos a persoas con mobilidade reducida, a colocación de falso teito acústico nas aulas que carecen del, o pulido do pavimento de terrazo e outras reformas funcionais.