O goberno de Nigrán propoñerá no pleno que Povisa se integre no Sergas

O goberno municipal de Nigrán propoñerá no vindeiro pleno ordinario do 28 de outubro que toda a corporación aprobe unha declaración institucional do Concello na que se pida a futura integración do Hospital Povisa na rede pública do SERGAS. O propio alcalde de Nigrán, Juan González, mantivo esta semana un encontro con representantes dos traballadores, que se mostraron moi inquedos tras a venda deste centro sanitario a un grupo de EEUU. Ante esta situación na que gran parte dos veciños de Nigrán teñen a este centro de referencia na asistencia sanitaria pública, o goberno de Nigrán proporá esta declaración institucional:

O Hospital Povisa é o centro de referencia de asistencia sanitaria pública para moitos veciños de Nigrán e do Val Miñor, motivo polo que a noticia sobre a súa recente venda a unha multinacional de EEUU preocupa e crea inquedanza sobre o seu futuro, tanto entre os seus pacientes como no persoal traballador.

Conscientes da importancia de manter e garantir unha asistencia sanitaria pública e de calidade, a corporación de Nigrán SOLICITA á Xunta de Galicia que inicie o procedemento para declarar o Hospital Povisa de interese público co obxectivo de integrarse na rede pública do SERGAS de cara ao ano 2022, data na que finaliza o actual concerto co Sergas, garantindo en todo caso os postos de traballo e dereitos laborais.

O Hospital Povisa debe manter e consolidar a atención pública para así garantir na área de Vigo o dereito dos seus habitantes a recibir unha atención sanitaria 100% pública, universal, gratuíta e de calidade.

Anuncios