O Club Ximnasia Rítmica As Estelas organiza senllos campus en Nigrán e Baiona

O Club Ximnasia Rítmica As Estelas organiza os seus campus de verán no mes de agosto, e este verán coa novidade de incorporarse na axenda de verán do Concello de Nigrán.

As datas escollidas foron a semana do 12 ao 16 de agosto no caso de Nigrán e a semana do 26 ao 30 de agosto no caso de Baiona. O horario para ambos é de 10:00 a 14:00 horas nos pavillóns de Panxón e Baiona respectivamente. O prezo é de 40 € en cada un. Para inscribirse pódese facer na oficina de atención cidadá do Concello de Nigrán e no pavillón de Baiona.

Os campus estarán dirixidos a nenas e nenos de 4 a 12 anos de idade. Carla e Nahir serán as adestradoras con II Nivel pola Federación Española de Ximnasia Rítmica encargadas de facer gozar deste deporte. Durante estas semanas probarán os catro aparellos (cintas, aros, cordas, mazas e pelotas), gozarán de xogos, praia, baile, obradoiro de maquillaxe e moños, técnicas e dificultades.

Este ano o club quere demostrar que a ximnasia rítmica non é un deporte unicamente de mozas, por iso contarán con dous ximnastas de ámbito nacional. Hernan Sio do Club Ximnasia Porriño visitará o campus de Nigrán e Noé Charlim do Club Ximnasia Arousa acudirá a Nigrán e a Baiona.

Hernán Sío, natural de Porriño, empezou en ximnasia rítmica aos 3 anos xunto á súa irmá Julia. A súa adestradora Rebeca Román destaca de Hernán a súa gran expresividade, carisma e paixón por este deporte. Ata os 8 anos competiu a nivel provincial e autonómico pero a partir do 2016 o corpo técnico do club decide que xa está preparado para competir a nivel nacional na categoría absoluta. Desde entón os seus logros non fixeron máis que sumar. En 2017 en Valencia consegue o ouro, a prata en aro e mans libres e bronce na clasificación xeral. En 2018 participa no torneo internacional Euskalgym, onde se colgou a medalla de ouro co exercicio de corda. E nesta última tempada, Hernán foi seleccionado para representar a Galicia na Copa da Raíña masculina, no Campionato de España, o seu cuarto campionato, obtendo unha vez máis os pesados metais.

Noé Charlim, do Club Ximnasia Rítmica Arousa, é un ximnasta de 11 anos e novel neste deporte debido a que só leva 4 anos nesta disciplina. Foi Rodrigo Vázquez, que recentemente nos deixou tras unha enfermidade, quen apostou por el, foi a súa man dereita e o seu apoio incondicional. Pero a pesar da súa curta experiencia é un ximnasta que emociona a calquera que o ve, a súa expresividade e a emoción que transmite no tapiz con cada exercicio pon a pel de galiña aos espectadores. Unha gran flexibilidade e dominio dos aparellos colocárono tamén no palmarés nacional. Colgouse a medalla de bronce en Mazas no último nacional celebrado en Mallorca. A nivel autonómico participou en diversos torneos subíndose ao podio en todos.

Ambos os dous ximnastas realizarán un quecemento coas e os participantes dos campus e farán unha exhibición que sorprenderá a calquera.

Desde o club queren facer un chamamento ás familias que teñan nenos e gústelles a rítmica que aproveiten esta ocasión para ver a dous grandes ximnastas masculinos e poder compartir con eles este deporte.