Unidas Podemos-Son En Común presenta a súa candidatura para “cambiar Baiona”

O pasado venres Unidas Podemos-Son En Común presentou a súa candidatura para Baiona, explicando o seu programa aos veciños e veciñas, o cal, ao remate, someteuse a votación acadando a aprobación por unanimidade. Tamén presentaron ao seu compañeiro José Ramón Estévez Brao como candidato á alcaldía, así como aos compoñentes da lista, formada por persoas chegadas de diferentes sectores, “cheas de ilusión, implicación, ganas de traballar e mudar moitas cousas na nosa vila”.

No acto, contaron coa presenza dunha das súas portavoces no Parlamento Galego, Carmen Santos Queiruga, “á cal lle agradecemos enormemente a súa colaboración e experiencia, facéndonos sentir arroupados nun día tan importe para nós”. Tamén lles acompañou Silvano Montes, actual concelleiro do grupo Esquerda Unida-Son en Baiona, co cal se presentan nunha candidatura conxunta nestas municipais. Explicou todo o traballo realizado nestes anos polo seu grupo, para situarlles e axudarlles a entender de que punto parten cara o futuro na vila. “Grazas, compañeiro, polo voso traballo e dedicación. Continuaremos con el e ampliarémolo”.

Desde Unidas Podemos-Son En Común tamén agradecen a toda a xente que lles acompañou na presentación, “o apoio que nos mostraron e a súa complicidade”.