Soledad García presenta “Samagostín”, un xogo gratuíto para promover a tradición do Samaín. A escritora impulsa esta iniciativa no quinto aniversario de Emocionaria. O libro está dispoñible nas bibliotecas e o xogo nos centros educativos e nas librarías do Val de Miñor.
O xogo educativo “Samagostín” é unha proposta gratuíta inspirada na súa obra literaria que busca promover a tradición do Samaín entre a cativada a través da lectura e da diversión. A iniciativa enmárcase no quinto aniversario de Emocionaria, o proxecto da autora dedicado á difusión, promoción e prestixio da lingua galega. Ao longo da súa traxectoria, Soledad García publicou 51 obras, 29 individuais e 22 colectivas, entre as que se inclúen os paseos literarios de Nigrán, Baiona, Gondomar e o Nadal de Vigo, que achegan o galego ao territorio e a protección da natureza. A súa carreira foi recoñecida con 30 galardóns literarios.
“Samaín significa a fin do verán. Os nosos devanceiros, o pobo celta, cando chegaba o outono, acendían cabazas para darlle forza ao sol e así axudalo a vencer a escuridade do inverno. Non digas Halloween, di Samaín”, explica a autora, que reivindica a importancia de coñecer e manter vivas as tradicións.
O libro “Samagostín” non se comercializa e está dispoñible nas bibliotecas. A partir desta obra nace o xogo educativo, que amplía a experiencia do conto e permite traballar a tradición do Samaín dun xeito lúdico.
“A historia está protagonizada por unha araña bailarina e un gato músico, cuxa vida tranquila se ve alterada pola chegada dunha bruxa malvada. É un conto educativo que combina onomatopeas e actividades para xogar en familia, estimular a imaxinación e axudar a superar os medos”.
O xogo de “Samagostín” foi distribuído gratuitamente nos centros educativos de Nigrán, Baiona, Gondomar e Vigo, así como nas librarías do Val de Miñor. Ademais, o material pode descargarse a través da páxina web da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
Con esta iniciativa, Soledad García continúa a traballar no fomento da lectura e transmitir ás novas xeracións o valor da lingua galega e das tradicións propias.

