Nigrán abre o prazo para que entidades veciñais, culturais, deportivas e festeiras soliciten axudas

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra nº 125 do 29/06/18 publicou onte as bases específicas que rexen a concesión de subvencións para as entidades deportivas, culturais, festeiras e de fomento do asociacionismo no municipio. O Prazo de solicitude é dun mes contando dende hoxe. O texto íntegro está publicado na sede electrónica do Concello de Nigrán (http:\\sede.nigran.org, apartado “Transparencia”, subapartado “Taboleiro de anuncios”).

Estas bases foron modificadas con respecto ao ano anterior en cuestións técnicas contidas nos anexos co obxectivo de facilitar ás entidades a tramitación da súa solicitude e posterior xustificación. Así, mantense a partida orzamentaria de 72.000 euros (o triplo que no 2016) e en 2.000 euros a subvención máxima para os que presenten solicitudes para actividades culturais (25.000 euros en total nesta liña). Por outra banda, seguen igual as axudas a actividades festeiras e as de fomento do asociacionismo (22.000 euros en total) e, finalmente, para as actividades de fomento da práctica deportiva (25.000 euros en total) establécese un mínimo de 1.000 euros por entidade solicitante para participar en competicións oficiais (o 60% do orzamento que dispoñan para este efecto) e por outra banda un máximo de 1.500 euros para a realización de actividades deportivas nas que se valorará a duración, antigüidade da mesma, número de persoas beneficiarias e, como novidade, que sexa un deporte tradicional galego como os bolos celta.