O PP reivindica o gran investimento da Deputación na construción do novo campo de fútbol 7 de Camos

O Partido Popular de Nigrán, a través da súa voceira municipal María José Pino, manifesta a súa satisfacción ante o anuncio da próxima construción dun novo campo de fútbol 7 na parroquia de Camos. En relación a esta actuación, desde o Grupo Municipal Popular quérense compartir algúns aspectos importantes:

  • O orzamento desta obra corre a cargo do Programa +Provincia, desenvolvido pola Deputación de Pontevedra e o seu presidente Luis López.
  • O custo da obra ascende a 287.000€, os cales serán achegados na súa totalidade pola Deputación de Pontevedra. Así mesmo, os terreos onde se instalará a futura instalación deportiva foron cedidos pola Comunidade de Montes de Camos.
  • A construción dun campo de fútbol 7 na parroquia de Camos vén sendo unha promesa electoral do Partido Socialista de Nigrán desde o ano 2019, polo que é rechamante que tivese que ser un goberno provincial do Partido Popular o que desbloquee unha obra que levaba tempo paralizada pola neglixente xestión da corporación socialista municipal.
  • É necesario lembrar que no mes de novembro de 2023 o Alcalde Juan González levou ao Pleno Municipal unha modificación de crédito por valor de 590.000€ financiados cos remanentes de tesourería, a cal buscaba atender a diversos gastos para os cales non dispoñían de saldo suficiente nos orzamentos. Ademais do remanente existente, incluíuse a cantidade de 287.646,32€ asignados para executar as obras de “Instalacións deportivas Campo Fútbol 7 Camos”.
  • En resumo, hai escasos meses, a corporación socialista de Nigrán renunciou á construción do novo campo de fútbol 7 de Camos, postpoñendo a mesma sine die e destinando o orzamento que tiña asignado a tapar os dispendios efectuados previos á campaña electoral municipal.

Desde o Grupo Municipal Popular quérese novamente trasladar o agradecemento por este investimento a Luis López, presidente provincial do Partido Popular e actual presidente da Deputación de Pontevedra, así como á Comunidade de Montes de Camos por ceder os terreos necesarios para esta instalación, a cal era unha insistente demanda veciñal que fora aparcada polo goberno local.