A Asociación Cultural Centáurea resolve este domingo o certame de micro-curtas

A Asociación Cultural Centáurea de Gondomar resolve este domingo 27 de maio ás 19:00 horas no Café Rañolas (R/Otero Pedrayo, Gondomar) o certame de micro-curtas que baixo o título de reiVIDEOcando convocaba nas semanas pasadas. Será no decurso dunha Festa da Lingua.

Centáurea quere deste xeito festexar que temos lingua propia e promover a creación de materiais que se poidan distribuír por internet, nas redes sociais, para que redunden nun incremento do uso da nosa lingua entre a mocidade. A súa pretensión é iniciar unha viraxe que lle dea un cambio radical ás enquisas que sinalan que a nosa lingua é cada vez menos usada.

Así pois, o obxectivo deste certame é fomentar a reflexión sobre a nosa lingua e o seu uso, procurando crear vídeos que nos falen dos motivos que unha persoa ten para falar en galego.

O certame prevía a entrega de dous premios: vídeo gañador e finalista, que recibirían cadanseu vale para gastar en establecementos de Ovalmi de 60 e 40 € respectivamente.