Nigrán completará o empedrado do núcleo histórico de Chandebrito iniciado no ano 2019

O Concello de Nigrán completará neste ano o empedrado do núcleo histórico de Chandebrito iniciado no ano 2019 co fin de poñer en valor toda esta contorna de especial interese etnográfico. O proxecto, cun orzamento de 135.833 € a cargo do Plan Concellos 2023 da Deputación de Pontevedra, sairá a licitación nos vindeiros días e comprenderá o empedrado que restaba da rúa Igrexa, os Camiños das Pedreiras e Buenos Aires e a mellora dos camiños das Eiras e Soeiro. En todos os casos se dotará de saneamento e, no caso de Igrexa, tamén se mellorará o sistema de drenaxe.

“A actuación forma parte do plan integral do Concello para recuperar e poñer en valor toda a contorna do Castro que estamos a musealizar. Significa un paso máis na posta en valor dos elementos patrimoniais e etnográficos deste núcleo de aldea tradicional único no municipio, repercutindo nunha gran mellora paisaxística, como se puido comprobar xa no 2019 co primeiro empedrado”, explica o alcalde, Juan González.

Deste xeito, no Camiño das Pedreiras e Buenos Aires, e no que resta de Igrexa, o Concello de Nigrán substituirá o aglomerado asfáltico ou formigón xa moi deteriorado por lastras de granito de 20x10x10, ademais de reconstruír un muro tradicional con risco de colapso nas Pedreiras e mellorar o sistema de drenaxe de Igrexa. Pola súa banda, estenderase tamén o saneamento aos camiños de Eiras e Soeiro, onde se adecuará a superficie existente actualmente.

“Chandebrito é un lugar que foi redescuberto pola cidadanía tras a vaga de lumes de 2017 grazas ao traballo conxunto do Concello, Comunidade de Montes e de Veciños. Cada fin de semana recibe centos de visitantes que suben ata o Castro e que se quedan impresionados por este núcleo poboacional tradicional que, con estas medidas, contribuímos a poñer en valor”, finaliza González.