Manifesto Miñor reclama estender a traída municipal a unha parte do Barrio da Esparela en Borreiros

Manifesto Miñor presenta unha moción para estender a traída municipal a unha parte do Barrio da Esparela na parroquia de Borreiros. Esta moción busca atender as reclamacións veciñais xa que só dispoñen de auga dos seus pozos, algúns deles moi contaminados, o que lles obriga a realizar gastos importantes para poder usar esa auga (filtros, tratamentos e analíticas), e depende para que usos. “Para nós, dixémolo no último pleno cando PP-PSOE aprobaron gastar 400 mil euros na herba artificial do campo de fútbol das Gaiandas, cos aforros de todos os gondomarenses, primeiro hai que atender estas cousas”, sinala Antonio Araújo.

“É unha obriga legal e moral inescusable dos concellos proporcionar este servizo básico á veciñanza. Lamentablemente en Gondomar non está sendo así malia a reclamación que vén de vello de moitos veciños como é o caso dos habitantes dunha parte importante do Barrio da Esparela en Borreiros, que teñen que usar auga para as súas vivendas, e non para todos os usos, duns pozos contaminados con elementos perigosos como metais pesados por careceren de auga da traída municipal que incomprensiblemente non chega ás súas casas cando non hai problemas técnicos que o impidan, de feito a última toma está a pouco máis de 300m das vivendas máis afastadas”, engade Araújo.

Manifesto Miñor propón encargar coa máxima urxencia a redacción do proxecto de extensión da traída municipal de auga ao Barrio da Esparela, na parroquia de Borreiros, así como proceder acto seguido con fondos propios á realización das obras necesarias que rematen coa “situación terceiromundista descrita nesta moción, antes de que teñamos un grave problema de salubridade pública”.